Pasar al contenido principal

O Club Debate Compostela celebra este xoves a final da súa IV Liga Interna

A asociación de debate de estudantes universitarios Club Debate Compostela (CDC) organiza anualmente unha liga interna da que participan todos os seus membros e que rematará esta tarde en Ciencias da Comunicación.

Catro equipos serán os que se enfronten por parellas nas semifinais, que darán comezo ás 19:00 e 19:45 horas, respectivamente. Os equipos gañadores serán os finalistas da edición e loitarán dialecticamente polo título da IV Liga Interna ás 20:30 horas. Os oradores teñen que debater sobre se son beneficiosas para a sociedade española as políticas de discriminación positiva por razón de xénero.

A maioría dos xuíces que decidirán o resultado xa estiveron xulgando aos debatentes ao longo de toda a liga, que se desenvolveu tres sábados entre os meses de outubro e novembro. Moitos deles son antigos membros do Club, pero ademais participará tamén a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois, que se encargará de entregar o premio ao gañador da final.

A Liga Interna é unha competición na que vinte equipos de estudantes da USC debaten sobre un tema de relevancia social. O Club Debate Compostela é unha asociación de estudantes universitarios que en 2012 tomou o relevo da Sociedade de Debate de Competición. O que antes era un pequeno grupo de amigos con ganas de debater, hoxe está integrado por arredor de cen alumnos.

Nesta IV Liga Interna o modelo de debate que se puxo en práctica é o académico, formato habitual en institutos e universidades españolas que provén da tradición dos colexios de Estados Unidos. Consiste en que dous equipos, compostos por entre dous e catro oradores, defendan dúas posturas opostas dun mesmo tema.

Existen tres roles a desenvolver por equipo. O argumentador inicial comeza expoñendo a súa postura sobre o tema. De seguido, dous refutadores por cada bando amosan mediante evidencias os seus argumentos. Por último, un conclusionista por cada postura porá o broche final ao debate.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2015.