Unha xornada gratuíta en Dereito achega información sobre financiamento europeo para pemes
A Facultade de Dereito acolle na tarde deste luns 4 de maio unha xornada gratuíta sobre financiamento europeo para pemes de interese para estudantes, emprendedores e pequenos empresarios. Nela obterán información sobre o panorama europeo actual de axudas, cómo elaborar unha proposta e casos de éxito de institucións que apoian as pemes na obtención de financiamento. As persoas que asistan terán a oportunidade de coñecer a ferramenta ‘Aprende a financiarte’, a primeira plataforma integral 2.0 que ofrece servizos de busca de financiamento para pemes, autónomos e Emprendedores creada polo Consello Superior de Cámaras de Comercio na que os usuarios poderán acceder a unha base de datos filtrada sobre axudas no ámbito local, provincial, rexional, autonómico e europeo para as súas empresas. A xornada comezará ás 16.00 horas cunha presentación a cargo da responsable de IN&S Comunicación e innovación Sostenible e experta en xestión de proxectos, Tamara Rodríguez Silva, sobre a tipoloxía de axudas e requisitos para acceder a elas así como as diferenzas dos actuais programas para o período 2014-2020 en relación a convocatorias anteriores. A continuación terá lugar unha mesa redonda con representantes da Cámara de Comercio de Santiago, de Igape, da Confederación de Empresarios de Galicia e de Cogami que explicarán o seu cometido no proceso de apoio ás empresas en busca de financiamento, preparación de propostas, busca de socios e algunhas experiencias reais a modo de exemplo. A xornada completarase cunha presentación práctica sobre preparación de propostas e aspectos clave na xestión de proxectos, para finalizar cun exercicio eminentemente práctico a desenvolver polo propio alumnado. A xornada, enmarcada nos Cursos Jean Monnet, está organizada polo Centro de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do Investidor da USC (CERGI) e IN&S Comunicación e innovación sostenible.