O ciclo de conferencias ‘Bioestatística para Vivir’ deste mércores en Matemáticas retransmitirase en streaming por USC TV
Co obxecto de dar a coñecer a influencia da bioestatística –estatística aplicada ás ciencias da vida e a saúde– nas nosas vidas e en especial nos ámbitos da saúde e medioambiente, a Aula Magna da Facultade de Matemáticas acolle este mércores 6 a partir das 16.00 horas o ciclo de conferencias ‘ Bioestatística para Vivir’, ao que asistirán máis dun cento de estudantes e que se retransmitirá en directo por USC TV. A xornada está estruturada en 7 charlas de media hora de duración cun enfoque divulgativo a cargo de investigadores de recoñecido prestixio. Comezará José Ángel Fernández Escribano, de Bioloxía Celular e Ecoloxía da USC, falando da detección de focos de contaminación atmosférica empregando musgos terrestres, para continuar con Manuel Marey, de Enxeñaría Agroforestal da USC coa charla ‘Cando todos os camiños conducen á estatística!’. Ángel Piñeiro, de Física Aplicada e socio fundador de S4Sd, explicará o funcionamento de AFFINImeter, un software de cálculo numérico e análise estatística para estudar procesos de recoñecemento molecular. As charlas continúan con Eliseo Iglesias, de Educación Física e Deportiva da UDC, e o suxestivo título ‘Qué nos di a estatística da posesión do balón?’ e co xenetista da USC José Castro que explicará os modelos estatísticos para unha xenética cuantitativo-evolutiva. A causalidade e confusión entre hepatite, hixiene e alerxia será o tema que trate Arturo González Quintela, de Medicina da USC, para rematar con Juan José Nieto, de Matemáticas, coa charla ‘Modelos matemáticos das epidemias’. O ciclo está especialmente dirixido a alumnado universitario, profesionais de distintos ámbitos científicos e tecnolóxicos, e en xeral a todas aquelas persoas con interese en coñecer cómo a estatística pode axudar a resolver cuestións de tipo científico nos ámbitos da saúde e medioambiente. A actividade organízase no marco do proxecto ‘Bioestatística para vivir e como vivir da Estatística’ financiado pola Fundación para a Ciencia e Tecnoloxía, dentro da convocatoria de Axudas para o Fomento da Cultura Científica, Tecnolóxica e da Innovación 2014. ‘Bioestatística para Vivir e Como Vivir da Estatística’ nace co espírito de mostrar a importancia que teñen para a sociedade tanto a estatística coma a bioestatística e transmitir aos mozos e mozas a idea de que ambas as dúas poden ser unha moi boa opción profesional.
O proxecto está promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Unidade de Bioestatística (GRIDECMB), e polo Instituto Galego de Estatística, contando á súa vez co apoio da Rede Nacional de Bioestatística (BIOSTATNET).