Pasar al contenido principal

O Programa Conciencia trae a Santiago o Nobel de Física en 1997, Claude Cohen-Tannoudji

O Premio Nobel de Física Claude Cohen-Tannoudji, pioneiro en métodos de arrefriamento de átomos con feixes de láser, inicia este mes a edición de 2015 do Programa ConCiencia de divulgación científica. O 28 de maio o físico francés de orixe alxeriana manterá pola mañá unha xuntanza con investigadores e á noitiña pronunciará unha conferencia aberta ao público en xeral sobre a manipulación de átomos con luz. O profesor do Collège de France e Laboratoire Kastler Brossel da École Normale Supérieure (Francia) recibiu en 1997 o Premio Nobel "polo desenvolvemento de métodos para arrefriar e atrapar átomos con luz láser". As técnicas desenvolvidas por el outros científicos como William Phillips e Steven Chu foron esenciais para fabricar reloxos atómicos máis precisos e así poder mellorar a navegación espacial e os sistemas GPS. Cohen-Tannoudji foi un dos primeiros en propoñer o bombardeo de átomos con luz coherente para desaceleralos. Seguindo estas propostas, en 1985 Steven Chu arrefriou un feixe de átomos a unha temperatura de 240 millonésimas de Kelvin por riba do cero absoluto, o que supoñía unha velocidade dos átomos de 0,5 km/h. En 1988 William D. Phillips acadaba unha temperatura de 40 millonésimas de grao por riba do cero absoluto. En 1995, Cohen-Tannoudji rebaixou a temperatura ata 0,2 millonésimas de grao por riba do cero absoluto. A manipulación e control de átomos permitiu dende entón aos científicos facer melloras en moitas tecnoloxías. O exemplo máis destacado son os reloxos atómicos, tanto máis precisos canto maior sexa o control sobre os átomos usados ​​para medir o tempo. Apreixar átomos tamén é útil para medir a forza da gravidade nun determinado lugar na Terra, e o seu control abriu as portas á computación cuántica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2015.