Pasar al contenido principal

A USC celebrou cun acto literario o Día das Letras Galegas

(Foto: SERVIMAV-USC)
(Foto: SERVIMAV-USC)
Presentouse un volume do Departamento de Filoloxía Galega e Xesús Alonso Montero pronunciou unha conferencia

Como todos os anos, a Universidade de Santiago celebrou no Salón Nobre de Fonseca un acto literario con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, nesta ocasión dedicado a Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996). Acompañado de numerosas personalidades da vida cultural e académica do país, e mesmo de familiares do propio homenaxeado, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pronunciou a conferencia ‘ Filgueira Valverde e a USC antes e despois de 1936’. No acto presentouse o volume correspondente á colección <<Día das Letras Galegas>> que anualmente elabora o Departamento de Filoloxía Galega da USC e cuxa edición nesta ocasión foi responsabilidade de Anxo Tarrío, para quen o homenaxeado foi un home “entregado plenamente ao servizo de Galicia, en xeral, e da súa cultura, nos máis variados rexistros, en particular”. “Foi un gran ensaísta entretido e mesmo ás veces con humor”, dixo no acto. No mesmo senso interveu o director do Departamento, Francisco Cidrás, que cualificou a Filgueira Valverde como “figura poliédrica na cultura galega”. O profesor da USC agradeceu á Universidade que manteña viva esta colección, lembrando que a primeira edición fora en 1970 un breve opúsculo editado por Carballo Calero. Pola súa banda, o reitor salientou a figura do intelectual pontevedrés como defensor da lingua e a cultura galega, “preocupouse, e moito, de velar polo patrimonio e polo estudo das nosas raíces”, dixo. Rematou Viaño salientando a importancia da celebración do Día das Letras Galegas e facendo un chamamento á sociedade a prol da consolidación da lingua galega. “Todos temos que saber que unha lingua só existe namentras haxa xente que a fale e a escriba”, rematou. O volume O volume Xosé Filgueira Valverde. Día das Letras Galegas 2015, con ilustracións de Antón Pulido e que abre cuns versos de Arcadio López-Casanova, recolle oito artigos nos que se desgrana a prolífica traxectoria do homenaxeado que, como lembra Anxo Tarrío, foi, entre outras cousas, co fundador do Seminario de Estudos Galegos e do Museo Provincial de Pontevedra, membro numerario das Real Academia Galega e da de Historia, membro correspondente da de Bellas Artes de San Fernando, director do Instituto Padre Sarmiento e da Casa Museo Rosalía de Castro e presidente do Consello da Cultura Galega. Licenciado en Dereito pola USC, catedrático de Literatura no ensino medio, doutor en Filolsofía e Letras pola Universidade de Zaragoza e diplomado en Psicloxía pola USC, Filgueira Valverde foi ademais alcalde de Pontevedra e conselleiro de Cultura. No volume, o traballo conxunto das profesoras Mercedes Brea e Elvira Fidalgo pon de releve a transcendencia dos estudos de Filgueira Valverde na literatura medieval, mentres que Carlos Villanueva fai o propio coa música do século XX. Isabel Mociño dá conta do papel do intelectual na formación do sistema literario infantil e xuvenil galego á vez que o propio Xesús Alonso Montero explica a súa importancia na sonetística galega a través da resposta recibida a un inquérito, ata agora inédito, que o presidente da RAG formulaba a moitos especialistas cando realizaba un estudo sobre o soneto en lingua galega. O profesor Fernando Acuña mostra as achegas de Filgueira Valverde á arqueoloxía galaica, e da súa vocación de creador literario fala o profesor Luís Cochón. O libro complétase cun artigo do director da RAE, Darío Villanueva, no que narra tres acontecementos que lembra vivir a carón do homenaxeado, entre eles a súa propia investidura en 1996 como doutor honoris causa da Universidade compostelá. (Foto: SERVIMAV-USC)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.05.2015.