Pasar al contenido principal

A Aula de Teatro USC-Lugo abre a inscrición nos obradoiros de monicreques e esgrima escénica

A USC ofrece un total de 26 prazas entre os dous cursos monográficos, cuxas sesións formativas se desenvolverán entre novembro de 2015 e febreiro de 2016

A Aula de Teatro da USC no campus de Lugo abre este mércores o prazo de matrícula nos obradoiros de monicreques e esgrima teatral, dúas actividades formativas dirixidas a membros da comunidade universitaria, aínda que tamén abertos á cidadanía en xeral, que se desenvolverán entre os meses de novembro de 2015 e febreiro de 2016

O obradoiro de esgrima escénica está estruturado en 12 horas de formación, que se impartirán todos os mércores lectivos do 25 de novembro ata o 16 de decembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas, nas instalacións da aula de teatro e danza da Facultade de Veterinaria de Lugo. José Luís Bermúdez será o encargado de impartir este curso monográfico, para o que a USC ofrece un total de 10 prazas e no que as persoas participantes poderán ampliar os coñecementos sobre a dimensión escénica da esgrima, así como respecto dos materiais empregados, movementos básicos ofensivos e defensivos, normas de seguridade e directrices para elaborar unha coreografía. O obradoiro de monicreques, un programa estruturado en 25 horas de formación e que será impartido por Marga Portomeñe e para o que se ofrecen un total de 16 prazas, desenvolverase en quenda de tarde, de 17.00 a 21.00 horas, os luns 23 e 30 de novembro; 14 e 21 de decembro; 25 de xaneiro e 1, 8 e 15 de febreiro de 2015. As persoas interesadas en participar en calquera destas dúas actividades formativas da Aula de Teatro da USC do campus de Lugo poderán formalizar a súa inscrición a partir deste mércores 11 de novembro nas oficinas da Área de Cultura sitas na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Tamén se pode obter máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou a través do número de teléfono 982 821 513.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.11.2015.