Pasar al contenido principal

As facultades de Ciencias da USC celebraron a festividade de San Alberte Magno

De esquerda á dereita: Victoria Otero, Antonio Segura, Juan Viaño, Pilar Bermejo e Luis Miguel Varela Cabo
De esquerda á dereita: Victoria Otero, Antonio Segura, Juan Viaño, Pilar Bermejo e Luis Miguel Varela Cabo

A Facultade de Bioloxía acolleu este venres a celebración da festividade de San Alberte Magno, patrón das disciplinas científicas. Ao acto que presidiu o reitor Juan Viaño asistiron os decanos de Física, Luis Miguel Varela Cabo; de Química, Pilar Bermejo Barrera; de Matemáticas, Victoria Otero Espinar; e do centro anfitrión, Antonio Segura Iglesias.

O profesor Carlos Rodríguez Osorio, do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, foi o encargado de pronunciar a conferencia ‘Contos de Bioloxía para un día de outuno: simbioses entre plantas, insectos e microorganismos’, á que lle seguiu a entrega de premios do concurso de fotografía ‘A Ciencia en Imaxe’.

O acto rematou coa intervención do reitor, na que destacou o bo facer destes catro centros, aos que hai que lle sumar o de Ciencias de Lugo, que se viu recoñecido nestes últimos meses “ben en forma de premios ou ben en forma de proxectos de relevancia ou de captación de talento científico”. Este momento de éxito, dixo o reitor, coincide cunha “nova época” da USC na que se inicia un proceso “fondo, claro e contundente cara a modernización da nosa estrutura de funcionamento para buscar a maior eficacia e a maior eficiencia”. O obxectivo final, afirmou, “é que nos catro anos deste mandato sexamos capaces de modernizar toda a nosa gobernanza e crear un modelo de xestión universitario máis acompasado aos tempos actuais”.

Para levar a cabo este proceso de modernización Viaño convidou a todas as persoas presentes a participar activamente. “Necesitamos contar coas ideas, coas opinións e coa boa disposición de todos os que interveñen nos procesos de cambio”, rematou.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.11.2015.