Filosofía acolle a presentación do libro Barthes filósofo co que Luis G. Soto gañou o premio Ramón Piñeiro de Ensaio
O profesor de Filosofía Moral Luis G. Soto presentará este xoves 29 o libro que o fixo merecedor do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014, Barthes Filósofo. Na Facultade de Filosofía ás 19.00 horas, a presentación contará coa presenza da profesora Uxía Rivas Monroy; de Víctor F. Freixanes, de Editorial Galaxia; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e Amalia Baltar e Manuel Fernández Pellicer, en representación de Galicia Natural-Fenosa.
García Soto interpreta a produción bibliográfica do escritos, ensaísta e semiólogo francés como a dun filósofo auténtico. Argumentando a través da análise de cada unha das obras de Roland Barthes, o ensaio do docente debulla esa tese en clave semiolóxica. Para logralo, Barthes filósofo comeza cunha achega á vida do autor para axudar o comprender o contexto da súa obra. A partir de aí percorre en orde cronolóxica todos os seus libros, cuxos contidos son expostos, analizados e interpretados para tratar de xeito sucinto e sintético o seu traballo de crítica literaria, o seu labor como semiólogo, o xiro estético arredor do “pracer do texto” ou o seu rexistro máis próximo á ética.
Barthes filósofo foi merecedora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014 que organizan conxuntamente a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natura e o Centro Ramón Piñeiro. O seu autor é doutor en Filosofía pola USC e en Dereito pola Autónoma de Madrid. Dende 1989 é profesor titular de Filosofía Moral na Facultade de Filosofía compostelá, da que tamén foi decano entre 2005 e 2013.