Pasar al contenido principal

O V Encontro Galego de Programas Universitarios para Maiores cita estudantes sénior do SUG este xoves en Profesorado

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada

O V Encontro Galego de Programas Universitarios para Maiores cita este xoves na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC estudantes dos distintos programas universitarios para persoas maiores que ofrecen as tres universidades galegas.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a directora da programa de IV Ciclo da USC, Esther Olveira; o decano da Facultade de Formación do Profesorado da USC, Francisco Rodríguez Lestegás, e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro, presidirán, ás 10.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado, a sesión de apertura desta nova edición do encontro galego. A presidenta de Asociación Estatal de Programas para Persoas Maiores (Aepum), Concepción Bru Ronda, abrirá a quenda de relatorios desta xornada cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘ Actualidade dos programas de maiores nas universidades: Avances a nivel estatal e autonómico. Avaliación e calidade’. Unha mesa de debate sobre os diferentes modelos de xestión dos programas de maiores nas universidades galegas, así como sobre o futuro dos plans de estudo, cerrará a programación matinal da xornada. Nesta sesión, que estará guiada por Antonio Rodríguez Martínez, representante da USC en Aepum, intervirán como relatores o director das Aulas de Formación Aberta da UVigo, Miguel Ángel Nombela Castaño; María del Pilar García de la Torre, directora da Universidade Sénior da UDC, e Esther Olveira Olveira, directora do programa universitario de maiores IV Ciclo da USC. Xa en quenda de tarde, as persoas participantes neste encontro poderán completar distintos itinerarios culturais pola capital luguesa. Un programa cultural que ofrece como alternativas a visita á Domus do Mitreo, á catedral ou un intinerario guiado pola Casa dos Mosaicos, Praza do Campo, Porta Miñá e muralla romana. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, a directora do programa de IV Ciclo da USC, Esther Olveira, e o coordinador deste programa de formación de maiores no campus de Lugo, Emilio Carral Vilariño, pecharán este encontro galego a partir das 19.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, onde logo da sesión de clausura se desenvolverá unha actuación musical.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2015.