Pasar al contenido principal

O uso tradicional de plantas medicinais en Galicia centra un obradoiro do 7 ao 9 de xuño na Estación Científica do Courel

Cartaz do curso
Cartaz do curso
A inscrición é gratuíta e permanece aberta ata o 3 de xuño no enderezo electrónico antonio.rigueiro@usc.es ou través dos números de teléfono 648051928 e 600942418

A Estación Científica do Courel celebrará do 7 ao 9 de xuño un obradoiro intensivo sobre o uso tradicional de plantas medicinais en Galicia, un programa intensivo que será impartido pola licenciada en Farmacia pola USC María Moure Oteyza e a través do que o alumnado matriculado terá a oportunidade de identificar e coñecer os usos e aplicacións das plantas medicinais localizadas no Courel.

O programa desta actividade programada pola USC na Estación Científica do Courel, un centro universitario dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro Rodríguez, está estruturado en 11 horas e ofrece unha formación de carácter intensivo e inclúe dúas saídas ao campo, a través das que o alumnado poderá poñer en práctica os coñecementos adquiridos. As sesións teóricas, distribuídas en catro horas de clase por día con media hora de descanso polo medio, comezarán cunha primeira charla de introdución e achegamento á temática do obradoiro. As 9 sesións seguintes basearanse na elaboración de fichas técnicas de diferentes plantas medicinais, a razón de 3 plantas por hora. Un coloquio final para atender as dúbidas, comentarios e preguntas dos asistentes, servirá de colofón do programa.

Cada unha das fichas técnicas propostas para a súa elaboración no marco deste obradoiro atinxe a unha planta medicinal común utilizada en Galicia a nivel tradicional, tomando como referencia as utilizadas na Serra do Courel. Trátase dun total de 30 plantas clasificadas por orde alfabética. De cada unha delas estudarase o seu uso, tanto o recolleito pola Farmacopea oficial como o tradicional. Tamén se estudarán as partes utilizadas e a preparación, así como as precaucións de uso e, no caso de que procedese, o seu significado máxico-medicinal, así como refráns, lendas e cancións. O devandito estudo completaríase cos coñecementos achegados polos asistentes.

A inscrición no obradoiro intensivo ‘Uso tradicional das plantas medicinais en Galicia: o exemplo do Caurel’ é gratuíta e as persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula de balde ata o vindeiro 3 de xuño a través dos números de teléfono 648 051 928 e 600 942 418 ou nos enderezos de correo electrónico antonio.rigueiro [at] usc.es (antonio[dot]rigueiro[at]usc[dot]es) e ro_rodriguezlopez [at] hotmail.com (ro_rodriguezlopez[at]hotmail[dot]com). As solicitudes de matrícula deberán incluír nome e apelidos do solicitante, DNI, dirección postal e teléfono de contacto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2021.