Pasar al contenido principal

A Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica que promove a Facultade de Ciencias recibe 110 comunicacións

A Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica que promove a Facultade de Ciencias recibe 110 comunicacións
A Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica que promove a Facultade de Ciencias recibe 110 comunicacións
O grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas da USC sinala que a ECSOC 19, que se desenvolve en novembro, conectará en rede uns 400 investigadores

A décimo novena edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica (ECSOC 19), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación de Novas Metodoloxías Sintéticas da USC, integrado polos profesores do Departamento de Química Orgánica na Facultade de Ciencias Julio A. Seijas e Pilar Vázquez Tato, recibiu xa 110 comunicacións de investigadores de todo o mundo, uns estudos que serán obxecto de debate e análise nos distintos foros virtuais que se desenvolverán durante o mes de novembro.

O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC e principal impulsor deste congreso ademais de presidente do comité científico do mesmo, Julio A. Seijas, subliñou a calidade das comunicacións que ano tras ano se presentan a debate e que logo permanecen accesibles en repositorios de referencia internacional. Asemade, logo de lembrar a calidade dos traballos está acreditada polo labor que desenvolven os membros do comité científico, que analiza e supervisa cada unha das propostas recibidas antes da súa inclusión definitiva no congreso, Seijas remarcou que o esquema de desenvolvemento da ECSOC representa a arquitectura formal do que deberían ser os congresos científicos do século XXI.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, os promotores desta edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica conta con financiamento da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo da USC, ao tempo que co apoio económico da Rede Galega de Líquidos Iónicos.

As distintas sesións de debate e análise programados no marco desta conferencia internacional desenvolveranse de xeito virtual a través do espazo web http://www.sciforum.net/conf/ecsoc-19 a partir do día 1 e durante todo o mes de novembro. Durante estes 30 días, os químicos e investigadores de países de todo o mundo interesados na temática que aborda a ECSOC 19, teñen unha boa oportunidade para intercambiar e compartir traballos sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional, síntese iónica por microondas...

Alén da dilatada traxectoria da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica, un congreso internacional que xa vai pola edición número 19 e que desde hai máis dunha década organiza o grupo de investigación en Novas Metodoloxías Sintéticas da USC, Julio A. Seijas, precisa que este tipo de congresos favorece a relación e o establecemento de contactos entre investigadores de moi distintos países, ao tempo que tamén reforza a posición da USC no escenario mundial e contribúe, se cabe, a dar unha maior visibilidade internacional ao campus de Lugo e ás investigacións que nel se desenvolven no eido da Química.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2015.