O Maratón do Debuxante celébrase este sábado
Estudantes do grao de Mestre de Educación Infantil e Primaria, xunto con profesorado do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal e un grupo de monitores participarán este sábado 7 no Maratón do Debuxante. Esta é unha actividade enmarcada na celebración internacional de The Big Draw, festival de debuxo xurdido en 2000 no Reino Unido.
A idea principal é conectar persoas de todas as idades a través do debuxo baixo o lema ‘ Drawing changes lives’. Neste caso, a xornada está dirixida ás familias que poderán participar nunha ducia de actividades de carácter lúdico e de balde que mesturarán o movemento, coas cores ou as liñas entendendo o debuxo e a acción de debuxar dun xeito amplo e como vehículo para a transmisión de emocións. A sesión celebrarase de 16.00 a 18.00 horas na avenida Xoán XXIII ou, no Pavillón do CEIP Vite I en caso de que chova.
Esta proposta, que coordinará Silvia Capelo, forma parte do proxecto Unión de Canles Sociais: proxecto de arte comunitario que financia o Consello Social da USC e organiza o Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da Facultade de Ciencias da Educación co apoio do Concello de Santiago.