Pesar na universidade polo pasamento de Luis Díez-Picazo y Ponce de León, doutor honoris causa pola USC

O Departamento de Dereito Común e a Facultade de Dereito da USC manifestan o seu fondo pesar polo pasamento este sábado 31 de outubro de Luis Díez- Picazo y Ponce de León, vinculado á universidade compostelá na que ingresou como catedrático nos anos 60 e pola que foi investido doutor Honoris Causa fai xustamente agora dous anos.
Insigne xurista, Díez-Picazo foi catedrático de Dereito Civil, maxistrado do Tribunal Constitucional, presidente da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación, presidente da Sección Primeira da Comisión Xeral de Codificación e reputado avogado, posicións todas elas dende as que traballou pola modernización e a mellor comprensión do noso sistema de Dereito privado. A súa morte “deixa un oco baleiro na doutrina civil española, que tan só o seu legado axudará a paliar”, manifestan dende a Facultade.