Pasar al contenido principal

Investigadores de Química Orgánica publican en Oxford Press un libro sobre a espectroscopia de RMN

Os autores co volume agora editado por Oxford University Press
Os autores co volume agora editado por Oxford University Press

En A Asignación da Configuración Absoluta por RMN utilizando Axentes Derivatizantes Quirales: Unha Guía Práctica os profesores de Química Orgánica da USC José M. Seco, Emilio Quiñoá e Ricardo Riguera presentan unha investigación de vangarda no campo da Resonancia Magnética Nuclear (RMN) ofrecendo unha guía breve e útil que introduce ao lector na investigación cunha gran cantidade de detalles e exemplos. O volume acaba de editalo Oxford University Press.

O libro explica brevemente os aspectos teóricos que subxacen detrás desta metodoloxía, dedicando unha parte importante a cubrir os aspectos prácticos da asignación da configuración, así como á selección do reactivo auxiliar máis adecuado. Para ilustrar esta metodoloxía inclúense numerosos exemplos e espectros tomados de experimentos dos propios autores. Dende titulados superiores, a estudantes universitarios, investigadores químicos e farmacéuticos, atoparán nesta guía unha ferramenta moi útil para os seus estudos.

A contribución dos investigadores adscritos ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e recollida no novo volume estendeuse dende o estudo dos fundamentos teóricos ata o desenvolvemento de novos e máis eficientes reactivos auxiliares, ampliando así considerablemente a gama de aplicacións. Como explican os autores, eses esforzos axudaron a transformar o que ao principio era case máis que unha curiosidade científica nunha metodoloxía fácil e barata que permite a determinación da configuración absoluta de moitas clases diferentes de compostos orgánicos.

A espectroscopia de resonancia magnética nuclear é unha técnica que utiliza as propiedades magnéticas dos núcleos dos átomos para obter información sobre a estrutura e propiedades das moléculas. Segundo os expertos, a RMN constitúe o método espectroscópico máis poderoso para a determinación da estrutura en moléculas orgánicas. O uso desta técnica RMN para a asignación da configuración absoluta, é dicir, a disposición espacial dos átomos dunha molécula orgánica, é particularmente útil cando se dispón dunha pequena cantidade de mostra ou cando se necesita un método rápido e barato.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2015.