Pasar al contenido principal

O Observatorio Pierre Auger de raios cósmicos estenderá a súa actividade ata 2025

De esquerda a dereita Enrique Zas, Antonio Bueno -da Universidade de Granada- e Manuel Martínez -do plan de Física de Particulas e Aceleradores do ministerio
De esquerda a dereita Enrique Zas, Antonio Bueno -da Universidade de Granada- e Manuel Martínez -do plan de Física de Particulas e Aceleradores do ministerio
A USC, xunto coas universidades de Granada e Complutense, son as únicas representantes españolas nesta colaboración internacional de dezaseis países

“Grazas a AugerPrime, vaise poder concluír sobre a posibilidade de facer astronomía con partículas cargadas. Isto determinará o futuro a medio e longo prazo da astrofísica das enerxías máis altas e da astronomía de neutrinos”. Con estas verbas o investigador do Departamento de Física de Partículas da USC Enrique Zas valoraba o acordo internacional para continuar e mellorar o funcionamento do Observatorio Pierre Auger ata 2025. Este é o maior proxecto científico do mundo para investigador os raios cósmicos, partículas procedentes do espazo con enerxías superiores ás producidas en aceleradores de partículas como o Gran Colisionador de Hadróns (LHC). As universidades de Santiago de Compostela, Complutense e de Granada son as únicas institucións científicas españolas no proxecto e o profesor Enrique Zas o representante científico de España no observatorio.

O acordo acadado permite a mellora dos 1.660 detectores distribuídos polos máis de 3.000 quilómetros cadrados que cubre o observatorio na chamada Pampa Amarela en Arxentina (provincia de Mendoza). Os detectores son uns tanques de 12.000 litros de auga pura que rexistran a luz Cherenkov procedente da cascada de partículas producida na atmosfera cando os raios cósmicos de alta enerxía chocan con núcleos atómicos. As propiedades destas cascadas de partículas serven para determinar a enerxía, dirección e masa dos raios cósmicos. Coa actualización acordada instalaranse novos detectores de centelleo para caracterizar mellor as partículas da cascada. Tamén se instalará un sistema electrónico máis rápido e potente para facilitar a lectura de datos dos novos detectores e mellorar así o funcionamento xeral dos elementos do observatorio.

Orixes
Coa denominación de AugerPrime, o proxecto de mellora do Observatorio Pierre Auger aspira a dobrar o número de datos conseguidos ata agora. A orixe destas instalacións atópase nunha iniciativa proposta a comezos dos anos noventa polo premio Nobel Jamen Cronin e o profesor Alan Watson para estudar a natureza dos raios cósmicos. A pesar de que foron descubertos hai máis de cen anos polo físico austríaco Viktor Hess, coñécese moi pouco sobre a radiación maís enérxica detectada.

O observatorio arrancou en 1998 con máis de 500 científicos de dezaseis países. Os seus resultados ofreceron interesantes pistas da orixe e a natureza dos raios cósmicos de moi alta enerxía. Como explican os expertos desta colaboración internacional, un dos máis interesantes foi a proba de que o fluxo de raios cósmicos decrece máis rapidamente a altas enerxías que a enerxías máis baixas, o que se pode interpretar como que os obxectos astrofísicos extremos (explosións de raios gamma ou núcleos de galaxias activas con buratos negros, entre outros) onde se deben acelerar esas partículas teñen unhas limitacións nas enerxías máximas que alcanzan. Non obstante, os estudosos neste ámbito consideran necesarias máis medias para entender estes mecanismos e identificar os obxectos astrofísico capaces de acelerar partículas a enerxías tan elevadas.

Dentro da colaboración internacional, as tres universidades españolas traballan en aspectos relacionados co mantemento e operación dos detectores de superficie, o desenvolvemento de compoñentes para os novos detectores de centelleo que mellorarán a calidade das medidas ou a análise dos datos rexistrados. Ademais, varios investigadores españois lideran algúns dos grupos de traballo de física de máis impacto e visibilidade dentro da colaboración Auger.

No caso concreto da USC, traballan neste ámbito os profesores Jaime Alvarez Muñiz, Gonzalo Parente, Ricardo Vázquez e Enrique Zas, ademais dos doutores Ines Valiño e Washington Rodrigues de Carvalho e dos estudantes Aida López Casado, Francisco Pedreira Giráldez e Guillermo Torralba Elipe.

Imaxe de arquivo con parte dos investigadores da USC que participan na colaboración Auger

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2015.