Pasar al contenido principal

A USC, repite entre as mellores universidade do mundo do ránking Leiden de produción científica

A clasificación realízase tendo en conta a produción científica recollida nas bases de datos de Web of Science. Foto: RQ
A clasificación realízase tendo en conta a produción científica recollida nas bases de datos de Web of Science. Foto: RQ
A clasificación estrea un novo indicador, polo que a USC ascende a posición 337 atendendo ao xénero de quen asina os artigos científicos avaliados

A partir da análise dos datos bibliográficos de produción científica contidos en Web of Science, o ránking Leiden mantén un ano máis a USC entre as mil mellores universidades do mundo. A institución académica compostelá ascende á posición 446 da listaxe xeral, posicionándose como a 153 de entre as mellores de Europa e a décimo terceira das españolas. Como o propio ránking sinala, a clasificación inclúe 963 universidades de 56 países diferentes que “teñen en común un alto grao de intensidade de investigación”. A selección realízase en función do número de publicacións indexadas de Web of Science no período 2014–2017 e que no caso da USC suma un total de 2.770 publicacións.

Ademais este ano, a listaxe estrea un novo indicador sobre a produción en perspectiva de xénero, incluíndo a referencia do número de autores e autoras dos artigos avaliados. Neste apartado a Universidade compostelá ascende a posición 304 de entre todas as universidades avaliadas e sitúase na décima posición das españolas. Das 16.054 persoas que asinan a produción científica da USC recollida nas bases de datos de Web of Science no período de tempo avaliado, o 37,2% son mulleres.

Ademais da listaxe xeral, as universidades tamén son valoradas por ámbitos específicos de coñecemento. No de Ciencias da vida e da terra, a USC alcanza a súa mellor posición ascendendo á sétima posición das mellores universidades españolas con 691 publicacións, seguida da produción científica no ámbito as Ciencias biomédicas e da saúde (866 publicacións), en novena posición. Nos ámbitos das Ciencias físicas e enxeñaría (796 publicacións) e no de Ciencias Sociais e Humanidades (223) repite posición como a décimo terceira de entre as 33 universidades españolas recollidas. Completando o cadro, ocuparía a vixésima terceira posición en Matemáticas e ciencias da computación con 194 publicacións.

Polo que se refire á metodoloxía e selección de datos analizados, o ránking Leiden utiliza Science Citation Index Expanded, Social Sciences Citation Index e Arts & Humanities Citation Index. Unicamente se toman en consideración artigos e revisións, quedando excluídos os libros, actas de congresos e publicacións en revistas no indexadas nos índices de citas de Web of Science. Como se destaca na súa web, o ránking proporciona información exclusiva sobre a investigación realizada nas universidades. Ademais, esta clasificación proporciona indicadores de impacto científico, colaboración, publicación de acceso aberto e diversidade de xénero, mostran o rendemento investigador dende unha perspectiva absoluta ou relativa, atendendo á magnitude de cada institución.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.05.2019.