Pasar al contenido principal

Unhas xornadas en Dereito analizan a relación entre política marítima e inmigración na UE

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas

As xornadas ‘Política marítima europea e fenómenos migratorios: pesca, desenvolvemento sostible e migracións’ abrirán este xoves 19 e o venres 20 na Facultade de Dereito un debate sobre os novos obxectivos de desenvolvemento sustentable e a política pesqueira na Unión Europea así como a relación entre espazos marítimos e migración no marco xeográfico europeo. O primeiro deles é o lema da primeira sesión, o xoves 19 a partir das 16.15 horas, na que intervirán con relatorios os docentes de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais Miguel Arenas Meza, da USC, e Teresa Fajardo del Castillo, da Universidade de Granada. Eles mesmos participarán a continuación nunha mesa redonda na que tamén intervirá o profesor da USC Carlos Teijo García.

Xa o venres a profesora da Universidade da Rioxa Mariola Urrea Corres falará da inmigración ilegal por vía marítima . Pola súa banda , a execución da Axenda Europea de Migración, en particular o referido ao deber de protección e a externalización do control migratorio, centrará a conferencia do catedrático de Oviedo Javier González Vega. Rematará o encontro con outra mesa de debate na que tamén participará a profesora da USC Isabel Lirola Delgado.

A xornada, dirixida polos profesores da USC Jorge Pueyo e Teresa Ponte, enmárcase nas Accións Jean Monnet da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais e do proxecto de investigación ‘A reforma da gobernanza pesqueira internacional e europea. Retos para o sector pesqueiro español’. Estas xornadas diríxense principalmente a estudantado de Máster de Estudos Internacionais, así como dos graos de Dereito, Ciencias Políticas e Ciencias da Comunicación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2015.