O profesor Juan Lema, investido honoris causa pola Pontificia Universidade Católica de Valparaíso en Chile
O catedrático de Enxeñaría Química da USC Juan Lema Rodicio foi investido este luns doutor honoris causa pola Pontificia Universidade Católica de Valparaíso de Chile (PUCV) nun solemne acto ao que asistiu máis dun centenar de científicos procedentes de 15 países de Europa, Norteamérica, Latinoamérica e China.
“Faltan palabras para describir as múltiples habilidades e calidades do profesor Lema, a súa relación e influencia con esta universidade e a importancia que tivo no desenvolvemento da Enxeñaría Bioquímica e Química en Chile”, precisou o director do Núcleo Biotecnoloxía Curauma da PUCV, Rolando Chamy, nun emotivo discurso que recolleu parte dos méritos do académico.
En efecto, desde que en 1984 Juan Lema comezou as súas relacións con Chile liderou un proceso formativo integral de académicos “e actualmente son xa 15 os profesionais de sete universidades chilenas que obtiveron o doutoramento baixo a súa dirección na universidade compostelá. O profesor Chamy destacou tamén entre o bo facer do profesor Lema a creación e consolidación de tecnoloxías aplicadas e innovadoras, “das que é e foi permanente e entusiasta impulsor, obtendo ata a data numerosas e importantes patentes”.
Referencia mundial
Juan Lema licenciouse en Ciencias Químicas da USC en 1971 para logo obter o grao de doutor en Ciencias na mesma universidade, á que se incorpora definitivamente en 1986 procedente da Autónoma de Barcelona. No ámbito da investigación foi pioneiro e é referencia mundial na área da biotecnoloxía ambiental, principalmente na degradación anaerobia de contaminantes. O seu traballo aválano as 52 teses doutorais dirixidas, os numerosos proxectos de investigación nos que participa e lidera, varios contratos con empresas e máis de 300 artigos publicados en revistas de alto impacto científico.
Na área de xestión académica desempeñou un papel preponderante na concepción e concreción da carreira de Enxeñaría Química en España e foi promotor e primeiro presidente da Conferencia de Decanos e Directores de Enxeñaría Química. Profesor do Departamento de Enxeñaría Química, que tamén dirixiu, exerceu os cargos de director do Centro de Transferencia Tecnolóxica e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE).
A cerimonia realizouse no marco do 14º Congreso Mundial de Dixestión Anaerobia, onde o profesor Juan Lema imparte a conferencia plenaria de clausura.
O reitor da PUCV, Claudio Elórtegui, entregoulle a Lema o diploma acreditativo do título