Pasar al contenido principal

As universidades galegas e as consellarías de Sanidade e de Educación asinan o convenio para a colaboración na docencia clínica do grao en Medicina da USC

O reitor, en primeiro termo, logo do acto protocolario de sinatura. Foto: Santi Alvite
O reitor, en primeiro termo, logo do acto protocolario de sinatura. Foto: Santi Alvite

As universidades da Coruña, Vigo e Santiago e as consellarías de Sanidade e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinaron este venres o convenio que regula a colaboración na docencia clínica do grao en Medicina da USC. A Facultade de Medicina e Odontoloxía compostelá será a única que imparta o grao en Medicina do Sistema Universitario Galego, correspondendo a súa responsabilidade académica aos órganos de goberno e departamentos da Facultade que serán os encargados da planificación e organización docente da titulación.

O convenio, que desenvolve á súa vez un documento de principios asinado en abril entre as universidades e a administración autónomica, asinouse protocolariamente nun acto no Salón Nobre do Pazo de Raxoi baixo a presidencia do titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, coa presenza dos reitores Juan Viaño Rey, Xosé Luis Armesto Barbeito e Salustiano Mato de la Iglesia, e dos conselleiros Jesús Vázquez Almuiña e Román Rodríguez González.

Como afirmou Juan Viaño en nome dos reitores galegos este é “un dos acordos máis importantes que se tomaron entre as tres universidades galegas. Estamos ante un documento que busca mellorar a formación e a investigación médica en Galicia”. A sinatura protocolaria do documento representa o acordo das tres universidades galegas para “crear un modelo colaborativo que beneficie, claramente, a formación dos nosos futuros médicos e médicas”. O reitor da USC agradeceu o esforzo negociador de todas a partes e destacou o elevado compromiso dos reitores así como da administración autonómica. “ Creo que estamos ante un claro exemplo de responsabilidade, onde o ben común superou todas as barreiras que inicialmente tiñamos todos” dixo a modo de conclusión.

Tamén o titular da Xunta de Galicia destacou o “histórico” carácter do acto de sinatura celebrado en Raxoi e que é “froito da unión, da concertación e da intelixencia e que non tería sido posible sen a xenerosidade e sen a altura de miras amosada polos reitores das tres universidades”. En opinión de Núñez Feijóo o obxectivo primordial é “fortalecer a educación e a sanidade pública en Galicia” ao tempo que se propicia a formación dunha “canteira de futuros profesionais do Servizo Galego de Saúde máis preparados e cualificados, de acordo aos novos retos da ciencia médica”.

O convenio
A partir de 2015-2016, o profesorado das universidades da Coruña (UDC) e Vigo (UVigo) pertencente a áreas de coñecemento relacionadas poderá colaborar na docencia clínica do grao. O Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia (CCDCG) proporá á USC a relación de efectivos de UDC e Uvigo que colaborarán na docencia, previa propostas destas dúas universidades. A USC incorporará este persoal na súa Programación Académica Anual como persoal de ‘área externa’. Para cada área de coñecemento, agás acordo expreso, o número de profesores/as das outras universidades adscrito a esta modalidade non poderá superar o 15% das necesidades de Persoal Docente e Investigador que teña a USC nese área.

En particular, tenderase a que nas materias de práctica clínica e rotatorio do último curso do grao que deban impartirse nos hospitais universitarios da Coruña e Vigo impartan docencia, respectivamente, Profesores Asociados de Ciencias da Saúde (PACS) da UDC e da UVigo adscritos ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) ou ao Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (INIBIV). Do mesmo xeito, a USC tamén poderá contar con PACs propios nos hospitais universitarios da Coruña e Vigo.

Os PACS da USC que teñan a condición de investigador principal ou coordinador dun proxecto ou grupo de investigación vinculado ao INIBIC ou ao INIBIV poderán solicitar voluntariamente a subrogación do seu contrato nas Universidades da Coruña ou Vigo, respectivamente. Do mesmo xeito, poderán solicitar voluntariamente a subrogación dos seus contratos os PACS da USC que desempeñen un cargo directivo na estrutura de goberno dos citados institutos de investigación da Coruña e de Vigo.

Con vixencia indefinida, do seguimento do convenio encargarase unha comisión que integran catro representantes da USC (dos cales un será o titular do decanato da Facultade de Medicina e Odontoloxía); dous representantes da Xunta de Galicia, designados polos titulares das consellarías asinantes; e un representantes por cada unha das outras dúas universidades.

O acto de sinatura presidiu o titular da Xunta de Galicia. Foto: Santi Alvite De esquera a dereita, Jesús Vázquez, Román Rodríguez, Alberto Núñez, Juan Viaño, Xosé L. Armesto e Salustiano Mato. Foto: Santi Alvite

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.10.2015.