Pasar al contenido principal

Analizan na USC o papel da xuventude en relación cos dereitos humanos

O I Simposio científico internacional sobre Dereitos Humanos ten lugar os días 7 e 8 de outubro na facultade de Dereito

A Facultade de Dereito da USC acollerá esta semana, os días 7 e 8 de outubro, o I Simposio científico internacional sobre Dereitos Humanos, no que se estudará o papel da xuventude neste ámbito e cos dereitos fundamentais.

O encontro profundará en cuestións tan diversas como a (in)aplicación do principio do interese superior do neno nas institucións de resocialización de mozos en conflito coa lei, a vulnerabilidade de prostitutas novas integradas no tráfico de drogas, os dereitos humanos dos migrantes, a pena de norte e o papel da xuventude en Asia, a implantación da política europea de veciñanza, o dereito de autodeterminación como dereito humano do pobo saharaui ou o caso de Venezuela.

A inauguración terá lugar este mércores ás 16.00 horas nun acto no que participan a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez; o decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez Macho, e o organizador do encontro, Rubén Miranda. A continuación intervirá Gabriel Martín Rodríguez, da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid.

Ao longo das xornadas intervirán especialistas das Universidades de Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, Federal do Rio Grande do Norte e Católica de Minas Gerais (Brasil), Porto e Minho (Portugal), París II (Francia), Os Andes (Chile) e de Tamkang (Taiwán).

O congreso está organizado polo grupo informal Xuristas en Acción coordinado por Rubén Miranda Gonçalves, doutorando en Dereito Administrativo na Facultade de Dereito, no marco do programa xuvenil Iniciativa Xove 2015 da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.10.2015.