Pasar al contenido principal

Unha investigación realizada na Facultade de Ciencias avanza no desenvolvemento de novas formulacións de tensioactivos

Lucas Piñeiro, entre Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo, na Facultade de Ciencias
Lucas Piñeiro, entre Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo, na Facultade de Ciencias
Lucas Piñeiro Maseda elabora un novo modelo matemático para describir a formación de micelas na súa tese doutoral, co dirixida por Mercedes Novo e Wajih Al-Soufi

Unha investigación realizada polo mindoniense Lucas Piñeiro Maseda na Facultade de Ciencias do campus de Lugo e recollida na tese de doutoramento ‘Estudo estrutural e dinámico de procesos de asociación supramolecular’, dirixida polos profesores Mercedes Novo e Wajih-Al Soufi, do Departamento de Química Física da USC, avanza no desenvolvemento de novas formulacións de tensioactivos.

Lucas Piñeiro presenta na súa tese de doutoramento un novo modelo matemático para describir a formación de micelas en disolucións de tensioactivos. Esta nova achega permite realizar unha análise cuantitativa moito máis precisa que os métodos convencionais e fai posible obter o valor importante da concentración micelar crítica do tensioactivo independentemente da técnica experimental empregada.

A validez deste modelo matemático para diversos tensioactivos con diferentes características estruturais demostrouse tanto mediante técnicas de fluorescencia e de condutividade eléctrica, como con datos da bibliografía medidos con outras técnicas.

As aplicacións desta nova fórmula son importantes para o desenvolvemento de novas formulacións de tensioactivos, tal e como pode ser o caso da industria de deterxentes. Asemade, este modelo tamén é aplicable á agregación de nano-partículas ou proteínas como o beta-amiloide, responsable da enfermidade de Alzhéimer.

Os resultados da investigación desenvolvida por Lucas Piñeiro e compilados na súa tese de doutoramento supoñen un avance importante e tiveron un grande impacto na comunidade científica internacional, tal e como o proba o feito da publicación destes traballos en revistas internacionais de alto prestixio.

Composición do tribunal e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Lucas Piñeiro Maseda na Facultade de Ciencias da USC estivo presidido polo experto en sistemas coloidales e nano partículas Juan Manuel Ruso Beiras, que é profesor da USC na Facultade de Física.

Pedro Ramos Cabrer, profesor de investigación de Ikerbasque, do Centro de Investigación CIC biomaGune de San Sebastián; Silvia Zorrilla López, científica Titular do Centro de Investigacións Biolóxicas do CSIC en Madrid; Jorge Pérez Juste, profesor do Departamento de Química Física da Universidade de Vigo, e a catedrática María Flor Rodríguez Prieto do Departamento de Química Física da USC, tamén formaron parte do tribunal encargado de cualificar a tese de doutoramento presentada por Lucas Piñeiro e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.10.2015.