Pasar al contenido principal

O profesor Jesús Izco Sevillano pronuncia en Filosofía una conferencia sobre a camelia

O catedrático de Botánica da USC Jesús Izco Sevillano ofrecerá este mércores 14 ás 19.00 horas no salón de Actos de Filosofía a conferencia ‘A camelia: flor peregrina’, unha actividade organizada pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC.

Licenciado e doutorado en Farmacia pola Universidade Complutense de Madrid, o profesor Izco Sevillano chegou á USC en 1978 onde impartiu materias relacionadas coa botánica, xeobotánica, ecoloxía vexetal, fitoxeografía ou fitosocioloxía. Dirixiu doce teses doutorais da súa especialidade e participou en 30 proxectos de investigación.

É autor de 120 traballos, promotor da nomenclatura botánica en España (tradución do ICBN e CPN) e responsable dunha sección especializada na revista Lazaroa. Realizou tarefas de investigación aplicada na valoración da flora e vexetación (medios acuáticos principalmente) continentais e costeiras e xestión do medio ambiente natural. É autor de Madrid verde (Ministerio de Agricultura), O Courel (Universidade de Santiago de Compostela), Pazos de Galicia, Jardines y Plantas (Xunta de Galicia) e Botánica (Mc Graw-Hill / Interamericana). Ademais, é impulsor do Xardín Botánico de Galicia e delegado da USC para o mesmo.

O profesor Izco conta no seu haber cos premios da Real Academia de Farmacia (1971), de Galicia (1982), Nacional do Ministerio de Agricultura (1983) e Real Academia Galega de Ciencias (1986). Ademais, é membro das Academias de Farmacia, Galega de Ciencias, Sección Galicia da Real Academia de Farmacia, Real Sociedade Española de Historia Natural, Amicale de Phytosociologie (Francia), Sociedade Botánica de Francia, Sociedad Broteriana (Portugal), Asociación Española de Fitosocioloxía, European Union Dune Conservation (Holanda), Internacional Association Vegetation Sciencie (Suecia) e Optima (Berlín).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.10.2015.