A USC e Banco Santander renovan a súa colaboración institucional
Emprendemento, captación de talento, administración electrónica ou promoción internacional son algúns dos ámbitos nos que a USC e Banco Santander colaborarán nos vindeiros catro anos en virtude do convenio asinado este mércores e que renova a colaboración que a institución académica e a entidade bancaria manteñen de xeito ininterrompido dende 1999 a través de Santander Universidades. O reitor Juan Viaño e o conselleiro delegado de Banco Santander, José Antonio Álvarez, asinaron o convenio nun acto protocolario no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
Polo acordo, que amplía os ámbitos de colaboración existentes ata agora, Banco Santander continuará colaborando no desenvolvemento de proxectos encamiñados a reforzar a calidade da docencia impartida, a mellorar a eficiencia da xestión académica da Universidade de Santiago, así como a facilitar o acceso a programas de formación continuada, a reforzar a proxección internacional e, en xeral, a elevar a oferta e o nivel de servizos culturais, deportivos ou financeiros ofrecidos á comunidade universitaria de Santiago e Lugo. Cunha vixencia de catro ano prorrogables, por este convenio Banco Santander comprométese a realizar unha achega anual de 1,8 millóns de euros anuais.
O reitor valorou o acordo como un “excelente exemplo” do que debe ser a colaboración entre a Universidade e o sector empresarial. Engadiu Viaño que o documento asinado reflicte o que “é a nosa intención principal para este mandato”, a través de aspectos como o “estímulo e a detección de talento, mellora da formación e apoio a quen decide xerar coñecemento a través da investigación e a súa posterior transferencia á sociedade por medio das posibilidades que ofrece o emprendemento”. Para o reitor, a sinatura “é unha excelente noticia” pola relevancia da dotación económica pero sobre todo “por ter o apoio dunha das principais empresas do mundo”.
José Antonio Álvarez, quen lembrou que o compromiso coa Universidade é unha das seis prioridades estratéxicas de Banco Santander, felicitou á USC polos avances acadados no recoñecemento académico internacional que está alcanzando en base ao seu rigor na xestión e polo seu compromiso permanente coa sociedade galega. “O labor que realiza a Universidade é fundamental para o desenvolvemento social e económico, e esta Universidade, a miña universidade, é un grande exemplo disto”.
Colaboración académica institucional
No ámbito da colaboración académica institucional, o documento asinado contempla o apoio da entidade bancaria a programas de xestión e captación de talento que organice a USC, incluíndo programas de intercambio de persoal docente e investigador e tamén estudantado; accións de transferencia de coñecemento relacionado coa investigación científica e coa docencia; divulgación científica, con especial atención á creación dunha Unidade de Divulgación Científica; e accións que se realicen dende as cátedras de ámbito iberoamericano.
Tamén se inclúe un apartado específico dedicado ao emprendemento, ámbito no que a entidade bancaria apoiará o funcionamento ordinario do edificio Emprendia e aquelas actividades máis singulares de impulso ao emprendemento integral e responsable. Ademais, a colaboración será extensible ao programa Uniemprende, co que a USC tense convertido nun referente nacional e internacional na creación de empresas baseadas no coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico.
A innovación docente é outros dos aspectos incluídos entre os ámbitos de cooperación, particularmente aqueles programas que estean relacionados coa integración e uso das tecnoloxías da información e as comunicacións no proceso educativo e coa ampliación da oferta formativa da Universidade compostelá para incorporar formatos docentes non presenciais e perfís académicos de interese para Campus Vida, Campus Terra e Campus da Cidadanía. Completaría a colaboración académica institucional as accións de promoción internacional e o apoio á iniciativa de USC Responsable e actividades de voluntariado, así como a cooperación arredor da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes Saavedra coa promoción da edición dixitalizada das teses defendidas na USC para a súa libre dispoñibilidade nesta Biblioteca.
Colaboración tecnolóxica-operativa
Co obxecto de contribuír á mellora e eficiencia da xestión académica e administrativa, o acordo comprende tamén a continuación da colaboración ata agora xa desenvolvida en relación coa tarxeta intelixente universitaria como credencial de identificación oficial a efectos académicos así como para outras aplicacións como control de accesos, xestión de préstamos en bibliotecas e outras funcións compatibles tecnoloxicamente. Banco Santander asume a responsabilidade de emitir durante os cursos académicos nos que estea vixente o convenio esta tarxeta universitaria con carácter de exclusividade para todos os colectivos universitarios.
Pola súa banda, a USC asumirá o liderado na identificación e desenvolvemento de posibles funcionalidades internas que deberán cubrirse mediante o uso da tarxeta e executará accións que faciliten e impulsen o desenvolvemento de novas funcionalidades asociadas. Ademais, o banco porá a disposición da USC as súas capacidades organizativas agrupadas arredor do portal Universia para colaborar coas iniciativas que desenvolve a USC no despregue de infraestruturas sen fíos nos campus. Tamén se contempla o desenvolvemento de programas que faciliten a adquisición de portátiles á comunidade universitaria que faciliten, á súa vez, o acceso sen fíos aos servizos virtuais universitarios.
A xornada contou coa presenza dunha comitiva da entidade bancaria. Foto: Santi Alvite Logo do acordo asinado na reitoría, o conselleiro delegado mantivo un encontro con estudantes de Administración e Dirección de Empresas, ao que tamén asistiu a decana Emilía Vázquez. Foto: Santi Alvite No Salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Foto: Santi Alvite