Pasar al contenido principal

Unha investigación desenvolvida en Ciencias reporta avances para mellorar o deseño de especies biolóxicamente activas

Ana Angustias Rodríguez Sanz, primeira pola esqueda, cos directores da tese e membros do tribunal
Ana Angustias Rodríguez Sanz, primeira pola esqueda, cos directores da tese e membros do tribunal
A tese realizada pola química malagueña Ana Angustias Rodríguez Sanz e dirixida por Enrique Cabaleiro e Jesús Rodríguez, acada a cualificación de sobresaínte cum laude

A investigación desenvolvida pola licenciada en Química malagueña Ana Angustias Rodríguez e recollida na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Ciencias do campus de Lugo baixo o título ‘Estudo computacional de capacidade das cadeas laterais dos aminoácidos para establecer interaccións catión···n relevantes na estabilidade e estrutura das proteínas' achega uns resultados que permiten unha mellor comprensión das características das interaccións catión···n en aminoácidos, o que mellorará o futuro deseño de especies biolóxicamente activas baseadas no control deste tipo de interacción non covalente.

As achegas científicas presentadas por Ana Angustias Rodríguez na súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores do Departamento de Química Física da USC Enrique Cabaleiro e Jesús Rodríguez, revelan como unha primeira molécula de auga únese a miúdo de forma específica dando lugar a unha estrutura cíclica conectada por ligazóns de hidróxeno que se mantén en presenza de máis moléculas de disolvente. A investigación permite asemade observar que os aminoácidos establecen contactos catión···? debido ao incremento das contribucións de indución e dispersión, capaces de vencer a resistencia do aminoácido a cambiar de estrutura.

As interaccións que se establecen entre catións e sistemas aromáticos (catión···?) son cruciais para comprender diversos procesos biolóxicos, como o funcionamento dalgunhas canles iónicas, receptores moleculares e neurotransmisores, ou a estrutura final das proteínas. A presenza simultánea de aminoácidos aromáticos e catiónicos nunha mesma proteína parece indicar que as interaccións entre estas especies son determinantes na súa estabilidade e función. Con todo, existen discrepancias con respecto á importancia do seu cometido, a miúdo debidas ao efecto de moléculas de disolvente próximas.

A utilización da Química Cuántica mediante a aplicación de cálculo computacional permite predicir e comprender o comportamento dos sistemas químicos a nivel molecular, proporcionando unha mellor comprensión dos fenómenos subxacentes. O traballo desenvolvido por Ana Angustias Rodríguez Sanz na súa tese baséase na aplicación das ferramentas da Química Computacional ao estudo das interaccións entre catións e especies aromáticas que poden ter lugar nas proteínas, e como éstas se ven afectadas pola presenza das moléculas de disolvente máis próximas.

Tribunal da tese e cualificación

O catedrático da Universidade de Vigo Ricardo A. Mosquera Castro actuou como presidente do tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Rodríguez Sanz. Julia Contreras García, da Universidade Sorbona de París; Manuel Melle Franco, da Universidade de Minho; María Merced Montero Campillo, da Autónoma de Madrid e o profesor da USC Antonio Fernández Ramos, en calidade de secretario, completan a relación de membros do tribunal, que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese de doutoramento presentada pola investigadora malagueña.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2015.