Pasar al contenido principal

Manexo do solo e aforro de custes enerxéticos en agricultura, temas a debate nunhas xornadas na Escola Politécnica Superior

Neira, Valcárcel e Bruña, na inauguración das xornadas na EPS
Neira, Valcárcel e Bruña, na inauguración das xornadas na EPS

O manexo dos solos e o aforro de custes enerxéticos en agricultura e regadío centran a temática dunhas xornadas organizadas polo Grupo de Hidráulica e Hidroloxía da USC en colaboración coa Consellería de Medio Rural na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo.

Unha exposición analítica sobre recursos hídricos e dispoñibilidade de auga para a rega, a cargo da profesora do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Montserrat Valcárcel abriu a quenda de relatorios das xornadas, encadradas na primeira edición do simposio ‘Terra do Nabo’, que se desenvolve este mércores e xoves no campus lugués.

Estruturado en diversos relatorios e obradoiros cunha orientación máis práctica, o programa destas xornadas de carácter informativo e divulgativo trata cuestións relacionadas coa dispoñibilidade e manexo de recursos hídricos, a gobernanza da auga en Galicia, tendencias na determinación das necesidades hídricas e no deseño de materiais de rega a presión.

A gandería ecolóxica e a súa alimentación, e a importancia do grelo na dieta atlántica son outras das cuestións que se tratarán este xoves no marco do simposio Terra do Nabo, en cuxa organización tamén colaboran a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e a Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA), segundo indicaron na presentación destas actividades formativas o coordinador das mesmas, o profesor da USC Xan Neira Seijo, e Xabier Bruña, da Consellería de Medio Rural.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.10.2015.