Pasar al contenido principal

Nova oportunidade de participar no obradoiro de elaboración de Traballos Fin de Grao e de Máster

O próximo mes de novembro celebrarase unha nova edición dos obradoiros de elaboración de Traballos Fin de Grao (TFG) e Máster (TFM), dirixidos a todo o alumnado de calquera titulación matriculado nestas dúas materias. Combinará exposicións teóricas e sesións prácticas que axudarán a mellorar a redacción destes traballos académicos así como a preparar a defensa oral ante o tribunal coa axuda de presentacións dixitais e coa supervisión personalizada por parte do profesorado do obradoiro.

Ao longo das 30 horas do curso, 23 de carácter presencial, quen asista terá acceso a contidos lingüístico-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información como Refworks). Nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo segundo o modelo que se lles fornece e as pautas do curso. Logo haberá novamente unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar dúbidas, erros e acertos dos traballos.

O Obradoiro desenvólvese na Aula Informática 4 da Facultade de Xeografía e Historia os días 10 de novembro en horario de 16.00 a 19.00 horas, e 11, 12, 17, 18, 19, 24, 25 e 26 de novembro de 16.00 a 18.00 horas. A posta en común e avaliación realizarase os días 20 e 21 de xaneiro, igualmente, de 16.00 a 18.00 horas.

Ao aproveitamento dos contidos do curso, engádeselle o recoñecemento dun crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas. A matrícula ten un custe de 30 euros e realízase a través de Internet na páxina do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) ata o día 30 de outubro ás 24.00 horas. Ademais, o SNL pon a disposición da comunidade universitaria modelos de TFG e TFM, tanto en Word como en Libre Office, que presentan solucións formais en relacións ás distintas partes do traballo (portada, resumo, índice, capítulos,...) e ao formato (estilos, paxinación, inclusión de gráficos,...) e inclúen ferramentas de apoio á redacción.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2015.