ARTías Teatro presenta no Teatro Principal unha adaptación de ‘Memoria de Elena e María’
A compañía da USC ARTías Teatro presenta este venres 24 no Teatro Principal unha adaptación da obra de Roberto Salgueiro ‘Memoria de Elena e María’ que dirixiu Daniel Baamonde.
Serán Isabel Méndez e Alicia Heinrich quen suban ás 20.30 horas ao escenario para dar vida ás protagonistas dun fermoso relato de lembranzas a través de dous puntos de vista: nai e filla contan as súas historias e a que cren que foi a historia da outra, pero só o espectador terá todos os datos para entender o sucedido na súa totalidade.
Por outra banda, á mesma hora e no mesmo espazo, a compañía universitaria independente volverá actuar o luns 27 coa obra ‘Unha noite de escuras intencións’, de L. Don Swartz.
Colaboración con Conservas Anaco ARTías Teatro colabora coa empresa de inserción laboral Conservas Anaco, que ao remate da función terá un posto de venda de anchoas. Conservas Anaco EIL é unha empresa de carácter social xurdida na USC dunha iniciativa encamiñada á creación de emprego entre colectivos de mulleres en risco de exclusión.
Centra a súa actividade na preparación e envasado en aceite de oliva de anchoa adquirida en salgado, a través dun proceso puramente manual en frío, consistente no desalgado, sobado dirixido a eliminación da pel e espiñas, fileteado e envasado.