Estudosos e expertos en teletraballo debaterán sobre a implantación do teletraballo en Galicia
O Seminario Teletraballo, Territorio e Cambio Social en Galicia reunirá nun mesmo espazo de reflexión e debate a especialistas procedentes das universidades de Santiago, Porto, Braga e da Autónoma de Barcelona, así como a profesionais vinculados coa análise social e territorial, coa enxeñaría informática e das telecomunicacións, teletraballadores/as en activo, representantes sindicais e responsables da xestión do programa de teletraballo na administración autonómica galega. Celebrarase o próximo 10 de novembro na Aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia organizada polo grupo de investigación Sociedade, Tecnoloxías e Territorio (gis-T).
Os organizadores do encontro parten da idea de que o teletraballo “permite grandes posibilidades para o desenvolvemento de espazos urbanos e rurais”. Co obxecto de establecer paralelismos con Galicia, toman como exemplo o proceso de descentralización xeográfica do goberno irlandés “que permitiu deslocalizar traballadores públicos dende a capital do Estado, Dublín, cara pequenas cidades e vilas cabeceira de comarca rural”. Apuntan que a decisión permitiu desconxestionar o centro urbano da capital ao tempo que se xeraron “plusvalías económicas e se fomenta a conciliación da vida familiar e laboral”. Outras vantaxes apuntan á mobilidade eficiente ou ao rexuvenecemento da demografía local.
O programa no que se tentará reflexionar sobre a operatividade do teletraballo na comunidade galega, arrancará coa análise da súa implantación na administración autonómica galega e continuará con diversas experiencias en Cataluña, Francia e Canadá, así como diversas experiencias desenvolvidas en Galicia e Portugal.