Pasar al contenido principal

O cuarto Congreso de Fenda Dixital explora as posibilidades das TIC en materia de inclusión educativa

Na súa cuarta edición, o Congreso de Fenda Dixital analizará as posibilidades que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) poden ofrecer para contribuír ao desenvolvemento de procesos de inclusión educativa, á abordaxe das necesidades educativas especiais e a facilitar ou promover a igualdade. O encontro celebrarase na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) en abril do próximo ano.

O congreso organízano nesta edición as facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas, xunto coa Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, o Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e outras institucións investigadoras e profesionais arredor da docencia e a pedagoxía tanto galegas como brasileiras. A organización pretende crear un espazo de encontro internacional a través do que xerar debate sobre o estado actual das TIC nos diferentes contextos educativos.

Como explica o profesor da USC e membros do equipo coordinador Xesús Rodríguez, o Congreso de Fenda Dixital constitúe tamén un contexto de intercambio sobre experiencias e proxectos de investigación innovadores, favorece o feedback e a reflexión entre docentes, educadores/as sociais, profesionais da pedagoxía ou da psicoloxía e asistentes sociais coa finalidade de analizar criticamente o papel que as TIC desempeñan no ámbito académico e nos contextos sociocomunitarios. O programa prestará atención especial tamén a coñecer aquelas experiencias nas que estas tecnoloxías están a desenvolver un papel fundamental na integración da diversidade de colectivos sociais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.10.2015.