A USC recoñece o esforzo académico de Alberto Arce, o catedrático de Enxeñaría Química máis antigo das universidades españolas
A Universidade de Santiago de Compostela rendeu este martes unha emocionada homenaxe ao profesor Alberto Arce polos seus 49 anos de dedicación. Presidido na ETSE polo reitor Juan Viaño -que lle impuxo a Insignia de Ouro da Universidade-, ao acto non quixeron faltar compañeiros e compañeiras do profesor Arce de máis de trinta institucións de ensinanza superior; non en van o profesor Alberto Arce é o catedrático de Enxeñaría Química máis antigo nas universidades españolas. Como sinalaron os seus compañeiros na homenaxe, Alberto Arce sempre amosou un forte compromiso coa USC tanto no eido docente como investigador e participou tamén na súa xestión. Lembraron que impartiu máis de 20 materias diferentes en áreas de Química Industrial e Enxeñaría Química, que dirixiu máis de 60 proxectos fin de carreira e traballos de fin de grao e agradeceron o seu papel activo nas comisiones de implantación na USC da especialidade de Química Industrial dentro da Sección de Química, a titulación de Enxeñaría Química, o grao de Enxeñaría Química e o Máster de Enxeñaría Química e Bioprocesos. Alberto Arce O profesor Alberto Arce defendeu en 1970 a súa tese doutoral baixo a dirección do profesor Gabriel Tojo. En 1976 crea o seu propio grupo investigador, Procesos de Separación e Equilibrio entre Fases, do que aínda é coordinador. Ao longo da súa traxectoria académica participou en 12 proxectos de investigación autonómicos, 9 estatais e 3 europeos. Cun factor h de 32, posúe 175 publicacións indexadas na ISI Web of Knowledge e 3.229 citacións. É pioneiro en España na investigación con líquidos iónicos na área de enxeñaría química e autor dunha patente internacional, aprobada con exame, para a síntese de nanopartículas con líquidos iónicos. A súa capacidade de formación de investigadores colocou os seus doutorandos en recoñecidos postos de investigación en todo o mundo (Bayer, CEPSA, Dow Chemical, Inditex…). O seu gran prestixio internacional levouno a ser nomeado representante español do Working Party on Thermodynamics and Transport Properties da Federación Europea de Enxeñaría Química. O reitor impúxolle a Insignia de Ouro a Alberto Arce (Foto: Santi Alvite) Foto de grupo das persoas asistentes á homenaxe (Foto: Iria Lema) O acto presidiuno o reitor Juan Viaño na ETSE (Foto: Santi Alvite)