Pasar al contenido principal

Xeografía e Historia acolle a presentación do proxecto ‘Camiño de Santiago: peregrinación polo camiño dos valores’ de Marek Kamiński

A vicerreitora Dolores Álvarez entre Marek Kamiński (esquerda) e o embaixador Tomás Arabski. Foto: Servimav-USC
A vicerreitora Dolores Álvarez entre Marek Kamiński (esquerda) e o embaixador Tomás Arabski. Foto: Servimav-USC

O Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, acollerá o luns 13 a presentación do proxecto ‘Camiño de Santiago: peregrinación polo camiño dos valores’ de Marek Kamiński, expedicionario, viaxeiro e explorador polaco que rematará a súa peregrinación a Santiago despois de percorrer o camiño durante tres meses de viaxes e atravesar Polonia, Alemaña, Bélxica, Francia e finalmente España. Na presentación na Facultade compostelá, a partir das 16.00 horas, intervirán ademais do peregrino polaco a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; o embaixador de Polonia en España, Tomás Arabski; a directora xeral de Turismo, Nava Castro Domínguez; e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios Diz. Con anterioridade a esta sesión, Marek Kamiński visitou diversas dependencias da Universidade compostelá e do seu patrimonio histórico como a Biblioteca América, a onde acudiu acompañado polo embaixador polaco en España e por persoal do Servizo de Participación e Integración Universitaria. Ademais a vicerreitora de Estudantes, Dolores Álvarez recibiuno na Reitoría da USC onde o agasallou cunha obra sobre o patrimonio universitario da institución compostelá. O proxecto ten como obxectivo o apoio á Fundación de Marek Kamiński para axudar a nenos e adolescentes enfermos a superar as barreiras propias da súa situación e alcanzar os seus soños ademais de recadar fondos para os Campamentos Europeos de Conquistadores Polares.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.07.2015.