A intensa relación de Antonio Fraguas coa USC, nunha exposición na Facultade de Xeografía e Historia
Ata o 3 de xuño na Facultade de Xeografía e Historia pode visitarse a exposición ‘Antón Fraguas: por e para Galicia’ organizada pola biblioteca do centro co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.
Sita no segundo andar (no acceso ao claustro desde a biblioteca), a mostra focalízase na relación de Antonio Fraguas coa que era a Facultade de Filosofía e Letras: o seu paso como alumno e logo como bibliotecario; o seu traballo como profesor auxiliar e a defensa da súa tese en 1948, precisamente dedicada aos colexiais de Fonseca.
A exposición consta de material biográfico e documental que fai un percorrido pola traxectoria de Antonio Fraguas dende que chega ás aulas universitarias ata a dirección do Museo do Pobo Galego. A este material súmase un vídeo realizado ex profeso pola biblioteca do centro con escenas da facultade nos anos 20 e testemuñas do propio Fraguas.