Pasar al contenido principal

A USC coordina un proxecto europeo sobre as transformacións sociais da industria do mar

Sebastián Villasante
Sebastián Villasante

O investigador do Departamento de Economía Aplicada Sebastián Villasante abordará o estudo das transformacións experimentadas pola acuicultura, pesca artesanal, pesca industrial e a industria conserveira para avaliar os efectos económicos e sociais da regulación europea, o cambio climático ou as estratexias adaptativas das empresas do sector antes as esixencias dos novos mercados europeos. Este traballo, que tamén coordina o investigador de IFREMER (Francia) Olivier Gudayer, forma parte dun proxecto europeo financiado polo Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES). Para o desenvolvemento do estudo, os investigadores analizarán os casos de diferentes réximes de xestión, as demandas dos mercados que inclúen o marisqueo en Galicia, a pesca de sardiña e polbo en España e Portugal, a cigala en Escocia e a recolección de algas en Bretaña Occidental. Segundo explica o investigador, os resultados preliminares presentaranse na próxima Conferencia de ICES que se celebra en Dinamarca no mes de setembro e publicaranse nun monográfico do ICES Journal of Marine Sciences. O proxecto conta coa participación de persoal experto e investigador da Universidade de Carolina do Sur (USA), do Instituto Español de Oceanografía (IEO), da Cooperativa de Armadores de Vigo (España), IFREMER e das universidades de Bretaña Occidental (Francia), de Aberdeen (Reino Unido), de Aveiro e do Instituto Português do Mar e da Atmosfera (Portugal).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.07.2015.