Pasar al contenido principal

A USC organiza o primeiro Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía

De esquerda a dereita, Constantivo Arce, José Ramón Lete, Dolores Álvarez, Javier García e Julio Torrado
De esquerda a dereita, Constantivo Arce, José Ramón Lete, Dolores Álvarez, Javier García e Julio Torrado

Co obxectivo de abrir canles entre a Universidade e o contorno do fútbol que faciliten a transferencia de coñecemento en ambas direccións, a USC organizará entre os días 20 e 24 de xullo o Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía. Segundo explica o responsable deste encontro, o profesor Constantino Arce, este é o primeiro congreso destas características que se realiza a nivel nacional e internacional. Os seus promotores agardan que o programa deseñado achegará unha análise do fútbol dende unha “perspectiva científica, racional e universitaria”. O congreso presentarase este xoves 16 ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca nun encontro cos medios de comunicación no que participarán a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Javier García; e o presidente do Comité Organizador, o profesor Constantino Arce. Ademais, tamén estará presente o secretario do comité organizador, o profesor Julio Torrado. Está dirixido a adestradores de fútbol, dirixentes de clubs, deportistas, psicólogos, preparadores e educadores físicos, xuíces deportivos, estudantes, profesores e investigadores, así como todo tipo de profesionais do ámbito futbolístico. O programa desenvolverase en base a relatorios, mesas redondas, pósteres e obradoiros prácticos cos últimos avances en técnicas de adestramento ou psicoloxía aplicada ao fútbol, con especial atención a cuestións relacionadas coa visualización, relaxación, coaching, fomento da deportividade e prevención da violencia, selección de talentos ou desenvolvemento de habilidades psicolóxicas. Nas mesas de debate está prevista a presenza, entre outros directivos, do presidente do Deportivo da Coruña, Tino Fernández; da presidenta do Pontevedra CF, Guadalupe Murillo; ou do presidente da Federación Galega, Rafael Louzán. Entre os adestradores e xogadores participarán Ángel Cuéllar (ex futbolista do Real Betis ou do Barcelona), Donato (Atlético de Madrid, Deportivo da Coruña ou selección nacional), Javier Manjarín (Deportivo da Coruña, Sporting e selección nacional), Manuel Mosquera (Deportivo da Coruña ou Compostela), Juan Cabrejo (Elche, Eibar, Compostela), Óscar Martínez (Deportivo da Coruña, Pontevedra) e Luis Santiago (seleccionador galego), entre outros. O congreso ten como argumento principal a psicoloxía, aínda que tamén terán cabida outros argumentos relativos aos últimos avances noutras moitas áreas de coñecemento como a preparación física, a rehabilitación de lexións, política e socioloxía do deporte ou dereito deportivo, entre outras cuestións. Organizado pola USC co apoio institucional da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, na organización deste encontro colaboran a Federación Galega de Fútbol, a Fundación Real Madrid, o Real Club Deportivo da Coruña, a Fundación Celta de Vigo, o Servizo de Deportes da USC, o Club Deportivo Lugo, a Sociedade Deportiva Compostela, a Unión Deportiva Concello de Barbadás, a Federación Española de Psicoloxía do Deporte, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, EPSIDE (Asociación Galega de Especialistas en Psicoloxía do Deporte e a Actividade Física), a Deputación da Coruña e o concello de Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.07.2015.