O ILG homenaxea cun volume o profesor David Mackenzie, decisivo na expansión dos estudos galegos no mundo anglófono

A Biblioteca do Instituto da Lingua Galega (Praza da Universidade s/n) acolle este martes 21 ás 13.00 horas a presentación do volume En memoria de tanto miragre: estudos dedicados ó profesor David Mackenzie, editado polo Servizo de Publicacións da USC. No acto participará o propio homenaxeado, David Mackenzie (Sutton-in-Ashfield, Nottinghamshire, 1943), investigador decisivo na creación e expansión dos estudos galegos no mundo académico anglófono e internacional. Estará acompañado dos editores da publicación, Francisco Dubert, Gabriel Rei-Doval e Xulio Sousa, e o director do ILG, Ernesto González Seoane. Mackenzie David Mackenzie estudou en Oxford e en Nottingham, onde se doutorou coa tese A critical edition with linguistic and historical introduction of the «Corónica de Santa Maria de Iria». Tralo seu paso pola British Library, foi profesor nas Universidades do Ulster, Birmingham e Cork. Fundador dos centros de estudos galegos nestas dúas últimas, foi asemade colaborador habitual do Hispanic Seminary of Medieval Studies na Universidade de Wisconsin-Madison. Director tamén de diversas teses de mestrado e doutoramento de temática galega, o seu labor de investigación desenvolveuse entre os estudos ibéricos medievais, a lingüística e literatura galegas e a literatura española. O seu mestrado esténdese principalmente entre Europa e Norteamérica, onde desenvolveu o seu labor docente.