Pasar al contenido principal

A USC, á cabeza da universidade española en I+D+i, transferencia de coñecemento e pegada internacional, segundo a Fundación CyD

Entada da biblioteca Intercentros do campus de Lugo da USC
Entada da biblioteca Intercentros do campus de Lugo da USC
Concesión de patentes, ingresos por licencias e número de publicacións internacionais de carácter interdisciplinar, son outros parámetros da USC destacados neste estudo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantense entre as universidades públicas españolas con mellor taxa de rendemento nos eidos da investigación e transferencia de coñecemento, no que atinxe a concesións de patentes, ingresos por licencias, publicacións interdisciplinares e internacionais, así como en captación e liquidación de fondos, segundo se deprende do último ránking sobre as universidades españolas que vén de publicar a Fundación CYD (Coñecemento e Desenvolvemento) e no que se recollen datos do conxunto de España, por comunidades e universidades. De feito, na elaboración deste estudo está incluídos datos de 73 universidades públicas e privadas ao tempo que se analizan resultados de 23 ámbitos de coñecemento e 2.522 titulacións.

O citado traballo, que constitúe unha valiosa fonte de información sobre as características máis salientables do sistema universitario español, sitúa a institución académica compostelá entre as universidades españolas con máis publicacións con impacto internacional e tamén no grupo de cabeza das institucións con máis investigacións citadas en patentes e tamén entre as que captan máis ingresos por licencias. Estes tres parámetros empregados pola Fundación CyD para a elaboración do seu ránking sobre a universidade española proban o compromiso e o bo facer da USC en canto a transferencia do coñecemento á sociedade se refire.

O eido da investigación e outro dos campos nos que a USC ocupa un lugar preferente no último informe que vén de publicar a Fundación CyD. De feito, no ránking de 2019 de CyD, a USC figura entre o grupo das universidades españolas que presenta mellores rendementos no que se refire a captación e liquidación de fondos externos para o desenvolvemento de actividades de I+D+i non ligados á transferencias correntes do Goberno e a media de publicacións por profesor son outros dos ítems analizados nos que destaca a institución académica compostelá.

A proxección e a orientación internacional da USC son outras das características que salienta a Fundación CyD no seu ránking sobre a universidade española, un traballo no que inclúe á de Santiago de Compostela entre as universidades que rexistran un maior número de publicacións de carácter e impacto internacional. O carácter interdisciplinar de boa parte das investigacións e estudos que se desenvolven nos diferentes campus universitarios da USC e mesmo a taxa de estudantes e investigadores estranxeiros que completan o seu doutoramento na institución académica compostelá constitúen outras das fortalezas que a Fundación CyD atribúe á institución académica compostelá, que tamén destaca pola media de sexenios de investigación obtidos polo corpo docente da universidade.

No capítulo correspondente a medir a taxa de éxito nos procesos de ensinanza e aprendizaxe, o caso da USC sitúase no grupo de cabeza das universidades españolas cuxo alumnado que completa programas de posgrao ou máster de dous anos de duración remata este período de formación con taxas de éxito máis altas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.05.2019.