Pasar al contenido principal

O prestixioso químico estadounidense do MIT Stephen Buchwald visita a USC

O prestixioso químico estadounidense do MIT Stephen Buchwald visita a USC
O prestixioso químico estadounidense do MIT Stephen Buchwald visita a USC
Gañador o pasado ano do premio BBVA Fronteiras do Coñecemento, pronuncia o luns unha conferencia no CiQUS

O químico estadounidense do MIT Stephen Buchwald, gañador o pasado ano do premio BBVA Fronteiras do Coñecemento, estará o próximo luns 27 na USC convidado polo CiQUS onde ás 12.15 horas pronunciará a conferencia ‘Pd-Catalyzed Carbon-Heteroatom bond forming reactions: from small molecules to bioconjugation’. A visita deste eminente científico prodúcese xusto unha semana despois da do Premio Nobel Richard Schrock, que mantivo neste mesmo centro singular de investigación da Universidade compostelá un encontro con rapaces e rapazas interesados no campo da química. Buchwald, na actualidade catedrático no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), formouse en Química na Universidade de Brown e doutorouse na de Harvard en 1982. Na súa tese doutoral estudou o mecanismo de reaccións de transferencia de fosforilo en química e bioquímica, e a súa investigación posdoutoral desenvolveuna no California Institute of Technology (Caltech). A súa traxectoria académica comeza en 1984 no MIT, onde en 1993 é nomeado catedrático e a partir de aí abre unha liña máis próxima ás aplicacións relacionada coa formación de enlaces carbono-nitróxeno que logo amplía a outros elementos químicos. Coautor de máis de 420 artigos publicados en revistas internacionais e de 44 patentes, na década 1999-2009 foi o químico con máis citas por artigo do mundo, cun índice H de 123. En 2014 a Fundación BBVA decidiu premialo na súa VII edición “polo desenvolvemento de rutas catalíticas baseadas no paladio e o cobre para sintetizar moléculas formando enlaces moleculares carbono-nitróxeno e carbono-carbono”, un avance con “enorme impacto” na “síntese eficiente de compostos para uso agrícola e modernos produtos farmacéuticos para numerosas enfermidades, entre elas distintas formas de cáncer, sida, artrite reumatoide, inflamación e diabete”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.07.2015.