Na busca dunha mellor interacción entre comunicadores e investigadores sociais
O proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC) desenvolvido por cinco grupos de investigación galegos dentro da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE) organiza a vindeira semana o II Encontro ‘Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións’. A desenvolver entre o 7 e o 9 de outubro en Ciencias da Comunicación, participarán nas xornadas investigadores, comunicadores, organizacións sociais e activistas ligados aos catro grupos sociais cos que traballa o proxecto CIDEC: persoas con diversidade funcional, mulleres, infancia e xuventude e persoas migrantes. O obxectivo é recoller experiencias de participación nos diversos colectivos sociais e comunidades así como idear entre os comunicadores e os investigadores sociais ferramentas, accións e procesos que axuden a unha mellor comunicación e permitan un coñecemento e recoñecemento igualitario e compartido. O proxecto CIDEC está financiado pola Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea. Observatorio Cidadán da Comunicación No transcurso do encontro presentarase (o xoves 8 ás 12.30 horas) o Observatorio Cidadán da Comunicación (OCC), unha ferramenta de análise e reflexión sobre a comunicación en todas as súas vertentes que nace coa vontade de facilitar a participación dos grupos sociais vulnerables no eido comunicativo. Terán lugar tamén tres mesas de debate nas que comunicadores, organizacións sociais, investigadores e académicos abordarán os pasos a dar para que os grupos de atención social prioritaria poidan pasar do eido da representación ao da participación na xestión do común. Por outra banda, o colectivo Ergosfera impartirá un obradoiro de mapas socio-comunicativos participativos no que se reflexionará, dende o local, sobre os problemas dos grupos de atención social prioritaria, así como os actores, as dinámicas e os recursos existentes.
Todas as sesións do Encontro levaranse a cabo no Visionado 1 da Facultade e estarán abertas a toda a cidadanía salvo o obradoiro de mapas socio-comunicativos, que require de inscrición previa.