Pasar al contenido principal

Unhas xornadas de asesoramento agrario abordan na Escola Politécnica o novo modelo na xestión estratéxica agropecuaria

Cartaz das xornadas de asesoramento agrario
Cartaz das xornadas de asesoramento agrario
A inscrición neste programa, dirixido a estudantes de grao e que se desenvolverá os días 15, 16, 23 e 24, é de de balde. O prazo permanecerá aberto ata o 10 de outubro

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC acubillará este mes unhas xornadas de asesoramento agrario, no marco das que distintos relatores analizarán o novo modelo ‘Strat Training’ na xestión estratéxica agropecuaria, así como os métodos de asesoramento colectivo.

As xornadas, orientadas á participación de estudantes dos últimos cursos dos graos en enxeñarías agrícolas e forestais, están promovidas polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC en colaboración coas Escolas Familiares Agrarias (EFA’S) e encádranse no proceso de difusión de resultados do Proxecto Europeo Strat-Training do Lifelong Learning Program Leonardo da Vinci. O programa desta actividade formativa e de divulgación está estruturado en catro sesións, que se desenvolverán os días 16,17, 23 e 24 de outubro. As actividades previstas para os venres terán lugar, en quenda de tarde, nas instalacións da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, onde os relatores convidados amosarán os contidos do asesoramento agrario. Nas sesións programadas os sábados en quenda de mañá, as persoas participantes nestas xornadas poderán coñecer experiencias aplicadas en materia de asesoramento agrario en distintas explotacións gandeiras da provincia de Lugo. As xornadas, coordinadas polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na EPS Manuel Marey, son de carácter gratuíto e están deseñadas para un número máximo de 15 participantes, que serán seleccionados por orde de inscrición. As persoas interesadas poden formalizar de balde a súa matrícula ata o 10 de outubro, para o que deben cumprimentar este formulario en liña.

Para obter máis información respecto dos contidos destas primeiras xornadas de asesoramento agrario, as persoas interesadas poden contactar con María Díaz a través do enderezo de correo electrónico maria.diaz [at] usc.es (maria[dot]diaz[at]usc[dot]es) ou no número de teléfono 982 823 614, así como con Manuel Marey, ben a través do seu enderezo de correo electrónico manuel.marey [at] usc.es (manuel[dot]marey[at]usc[dot]es) ou ben no número de teléfono 982 823 248.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.10.2015.