Pasar al contenido principal

Xornada de iniciación á agricultura ecolóxica na Estación Científica do Courel

Vista da Estación Científica do Courel da USC
Vista da Estación Científica do Courel da USC

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo da USC, Andrés Barreiro Lois, inaugura este sábado, ás 9.30 horas en Seoane do Courel, a I Xornada de Iniciación á Agricultura Ecolóxica organizada pola Estación Científica do Courel, onde se desenvolverán ao longo de toda a xornada diversos relatorios e obradoiros relacionados coa produción ecolóxica, comercialización, identificación e control de pragas, manexo de solos ou, entre outros, conservación de produtos frescos.

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC, Antonio Rigueiro, tamén participará no acto de apertura desta xornada monográfica, durante a que as persoas participantes recibirán nocións para iniciarse en prácticas de agricultura ecolóxica. Os profesores da USC Belén Díaz Hernández e Xan Neira Seijo abrirán o programa da xornada cunha sesión de aproximación á produción ecolóxica, trala que se desenvolverán outros relatorios sobre manexo e mantemento de solos, fertilización e compostaxe. A asociación e rotación de cultivos, regulamento da comercialización de produtos ecolóxicos, tratamentos fitosanitarios e elaboración de xurro de estrugas constitúen outros dos temas que se abordarán no marco desta xornada monográfica, durante a que o director técnico do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Ernesto Sánchez Salgado, informará sobre cuestións normativas para a produción e comercialización de produtos ecolóxicos, así como sobre os trámites para formalizar a inscrición no Craega. Xa en quenda de tarde, o consultor e técnico en agricultura ecolóxica, José Carlos Brea Pallares guiará sesións prácticas e obradoiros sobre elaboración e control de pragas e doenzas, elaboración de xurros e conservación de produtos frescos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.07.2015.