O CiTIUS da USC exhibe este venres o seu potencial perante a industria na xornada de demostración ‘Inside the lab’

Un modelo de atención visual que imita o comportamento do ollo humano (cualificado como «o mellor do mundo» pola University of Southern California en 2013), algoritmos que contribúen a incrementar a eficiencia en procesos industriais ou unha nova tecnoloxía capaz de converter grandes cantidades de datos numéricos en linguaxe natural (utilizada actualmente por MeteoGalicia para xerar predicións meteorolóxicas textuais en todos os concellos galegos). Son só tres dos 16 exemplos que este venres coñeceron os asistentes ao encontro Inside The Lab do CiTIUS, unha xornada de presentación de tecnoloxía na que se amosaron os resultados de investigación únicos obtidos ao longo dos últimos anos nese centro singular da USC, moitos deles á vangarda da innovación mundial. O obxectivo fundamental desta demostración é presentar algunhas das solucións de alta calidade que actualmente nutren a oferta tecnolóxica do centro, con aplicacións en múltiples ámbitos da actividade industrial. O traballo desenvolvido nos laboratorios do CiTIUS está a transformar resultados científicos en tecnoloxías innovadoras, o que representa unha extraordinaria oportunidade para o sector empresarial, xa que achega valor ao tecido produtivo e contribúe, deste xeio, á mellora da calidade de vida. 14 demostradores e 2 spin-off
Nunha xornada de portas abertas, en total foron 16 demostradores científicos os que se mostrarán, incluíndo 2 spin-off do centro: Cilenis, especializada en tecnoloxías da linguaxe, e Situm, cuxo núcleo de negocio son as tecnoloxías de xeoposicionamiento en interiores. Toda unha exhibición de sistemas innovadores que abranguen ámbitos de aplicación tan diversos como a diagnose asistida a través de imaxe médica 3D, a utilización de sensores intelixentes en agricultura ou o control de calidade mediante a análise de imaxe espectral (entre moitos outros).
Con respecto ás empresas fundadas por investigadores do centro, foron os propios emprendedores quen presentaron os innovadores produtos comerciais que ambas as dúas startups teñen actualmente non mercado, defendendo ante os visitantes as vantaxes de apostar por estas compañías.