Gumersindo Feijoo renova o seu cargo na directiva da Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Química
O director do Departamento de Enxeñaría Química da USC, Gumersindo Feijoo, asistiu esta semana á décima asemblea da Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Química na que foi ratificado nas súas funcións de tesoureiro da comisión permanente ademais de asumir tarefas de proxección externa da asociación mediante a presenza en redes sociais e en eventos de índole internacional como o Congreso Mundial en Enxeñaría Química que se celebra cada catro anos. Na xuntanza fíxose balance da situación da Enxeñaría Química en España, cunha empregabilidade do 67,5% no primeiro ano tras rematar os estudos e un primeiro soldo cun valor medio de 25.000 euros anuais. A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC ten a terceira nota de corte máis alta dos 39 centros onde se imparte esta titulación, situándose en segundo lugar en relación á nota media de entrada, segundo datos relativos ao curso 2014-2015. Por outra banda, na reunión acordouse que un dos dous relatorios plenarios do III Congreso Nacional de Docencia en Enxeñaría Química que terá lugar en Alacante corra a cargo da Universidade de Santiago de Compostela.