O proxecto CampUSCulturae deseña en Bulgaria o seu último ano de actividades

Representantes das seis institucións membro do proxecto CampUSCulturae, unha iniciativa liderada pola USC co cofinanciamento da EACEA Culture Agency da UE, manteñen estes días en Sofía (Bulgaria) a súa quinta reunión anual para deseñar o programa de actividades do seu último ano (a clausura do proxecto está prevista para o 1 de maio de 2016). En representación da institución compostelá asiste o coordinador do proxecto, Xosé Antonio Neira Cruz. A Minority Studies Society STUDII ROMANI (Bulgaria), unha organización non gubernamental creada en Sofía en 1991 centrada na promoción e estudo dos grupos e culturas minoritarias en Europa, especialmente da comunidade xitana, é un dos seis socios de CampUSCulturae. Tamén o Vigdís Finnbogadóttir Institute of Foreign Languages, da Universidade de Islandia, un centro de investigación en diversidade lingüística fundado en 2001 por Vigdís Finnbogadóttir, expresidenta de Islandia e actual embaixadora de Boa Vontade da UNESCO para a diversidade lingüística. A Universidade de Lodz, unha das máis relevantes institucións educativas de Polonia que conta con unha prolongada experiencia en investigación sobre culturas minoritarias, é outro dos socios do proxecto, no que participa así mesmo a consultaría CHE Consult GmbH, centro de excelencia no campo da educación superior que ofrece una ampla experiencia neste ámbito. O quinto socio é a Associação Cultural e Pedagógica ‘Ponte nas…ondas!’, unha organización portuguesa sen ánimo de lucro coñecida polos seus traballos de coordinación dunha rede de escolas no sur de Galicia e o Norte de Portugal a través do emprego da radio e a televisión como ferramenta pedagóxica. Foi a encargada de promover a candidatura da tradición oral galego-portuguesa á listaxe de patrimonio mundial intanxible da UNESCO. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela figura como promotora, coordinadora xeral e principal cofinanciadora desta iniciativa, que ten previsto estender o seu radio de acción nos próximos meses coa incorporación de dúas institucións italianas e dunha universidade eslovaca.