Pasar al contenido principal

Unhas xornadas sobre conservación de solos citan 50 edafólogos e investigadores das universidades galegas na Ribeira Sacra

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada

Unhas xornadas sobre conservación de solos e construción da paisaxe, organizadas pola delegación en Galicia da Sociedade Española de Ciencias do Solo, citarán os días 9 e 10 de xullo na Ribeira Sacra a medio centenar de investigadores e edafólogos das universidades galegas.

O obxectivo xeral destas xornadas é o de analizar os recursos naturais da Ribeira Sacra, en especial os diferentes tipos de solo e das paisaxes aos que dean lugar e que son un bo exemplo, tanto a nivel nacional como internacional, de boas prácticas de conservación do solo que perduran ao longo do tempo. A comitiva de edafólogos inscrita para tomar parte activa neste foro aproveitará a súa estadía na Ribeira Sacra, tanto na luguesa como na ourensá, para examinar as características e a singularidade dos solos da zona, unhas particularidades que veñen determinadas polos factores de formación (rocha nai, clima, topografía, vexetación, organismos e tempo), e tamén a excelente labor de uso e manexo do solo que fixo o home mediante a construción de terrazas ou bancais que permiten, por unha parte, poder aproveitar o solo en pendentes tan elevadas para obter unha rendibilidade económica coa plantación de viñedos e, por outra, evitar as perdas de solo debidas aos arrastres por erosión hídrica. Estas xornadas de campo permitirán aos investigadores participantes analizar o estado actual de coñecemento dos solos e a paisaxe da Ribeira Sacra mediante o estudo de perfís de solo predominantes na zona. Ademais dos edáfologos e expertos na conservación do patrimonio, o programa destas xornadas inclúe tamén a colaboración dun especialista en vexetación, tal e como é o caso do profesor doutor da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo Manuel Rodríguez Guitián. O amplo programa de visitas que inclúen estas xornadas, en cuxa organización están implicados ademais da delegación en Galicia da SECS, investigadores do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC na EPS, así como do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo, ademais das deputacións provinciais de Lugo e de Ourense, fai que esta cita se antolle como unha boa oportunidade para que numerosos expertos na Ciencia do Solo poidan analizar e debater “in situ” sobre o solo e a paisaxe da zona. As conclusións dos debates que se desenvolvan no marco desta actividade científica poden tamén supoñer un gran avance no coñecemento da Ribeira Sacra, ademais de resultar de utilidade para apoiar a candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.07.2015.