Pasar al contenido principal

O VII Máster en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria da USC bota a andar cunha xornada sobre saídas profesionais

Inauguración da xornada sobre saídas profesionais, en Veterinaria
Inauguración da xornada sobre saídas profesionais, en Veterinaria

A sétima edición do máster oficial en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria bota a andar na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo cunha xornada de orientación profesional, durante a que distintos relatores informaron a estudantes, veterinarios e outros profesionais de áreas afíns sobre as saídas laborais e profesionais das persoas tituladas no posgrao en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria, un programa formativo estruturado en 60 créditos ECTS e cunha duración dun ano, que “está chamado a reorientar a súa programación nos próximos anos”, segundo dixo a súa directora, a profesora Rosario Panadero.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, presidiu a sesión inaugural desta xornada, no marco dun acto desenvolvido na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria de Lugo e durante o que tamén interviron o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina; o deputado delegado da área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo, José Ulla Rocha, e a profesora da USC e coordinadora deste posgrao oficial, Rosario Panadero. Jaime Méndez de Vigo, de Laboratorios MSD Animal Health, abriru a quenda de relatorios cunha intervención sobre a actividade profesional veterinaria na industria farmacéutica. Ao seu remate, o profesor da Universidade de León Carlos César Pérez García, abordou o cometido profesional que desenvolven os veterinarios en centros de recría e experimentación animal. Un relatorio de Celia Conde-Pumpido, da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC, na que analizou as distintas razóns pola que os titulados/as universitarios/as deciden cursar un máster, e outra charla sobre a actividade profesional dos veterinarios en laboratorios oficiais, a cargo de David Fernández García, do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga), completaron o programa desta xornada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.09.2015.