Pasar al contenido principal

A análise do ciclo de vida no sector agrario centra a temática dunha xornada de traballo na Escola Politécnica Superior

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O programa, organizado polo Grupo de Proxectos e Planificación da USC xunto coa Universidade de Oviedo, ofrece 30 prazas. A inscrición é gratuíta e está aberta

Abordar os métodos e as técnicas máis modernas na medición, valoración e optimización da sostibilidade das actividades agrarias é o obxecto das xornadas ‘Análise do ciclo de vida (ACV) no sector agrario’, un foro promovido polo Grupo Proxectos e Planificación (Proepla) da USC en colaboración coa área Proxectos de Enxeñaría do Departamento de Explotación e Prospección de Minas da Universidade de Oviedo, que se desenvolverá o 25 de setembro no salón de actos da Escola Politécnica Superior (EPS) do campus de Lugo.

A xornada, que conta con financiamento do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria, está dirixida á participación de investigadores, profesionais e estudantes das titulacións de enxeñaría no sector agrario. Os relatores convidados a participar nas distintas sesións programadas en quenda de mañá e tarde tratarán nas súas intervencións cuestións relacionadas coas metodoloxías enfocadas cara a mellora da eficiencia ambiental. As persoas participantes poderán tamén coñecer como pensamento de ciclo de vida tamén se pode orientar cara un enfoque global dos problemas de sostibilidade que abrangue desde as etapas de obtención dun produto ata as operacións de tratamento da súa vida útil. A análise e posta en común de distintos exemplos de aplicación das técnicas de análise de ciclo de vida e da pegada de carbono, así como a avaliación das vantaxes e problemas competitivos que deparan son outros dos contidos do programa.

O prazo de inscrición nestas xornadas, coordinadas polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na EPS, Manuel Francisco Marey, e para as que se ofrecen un total de 30 prazas, permanecerá aberto ata o 20 de setembro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula de balde na dirección electrónica https://goo.gl/j7OuHn.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.09.2015.