Pasar al contenido principal

Premios a mellor elenco, actriz principal e performance para compañía de teatro USC-Lugo no Festival Nacional Universitario de Toledo

Compoñentes da compañía de teatro USC-Lugo
Compoñentes da compañía de teatro USC-Lugo
A formación dirixida por Paloma Lugilde pechará o martes 14 en Santiago a xira de ‘Casa de ilusións’, unha montaxe que vén de presentar en Ourense, Toledo e León

A compañía de teatro USC-Lugo vén de colleitar importantes éxitos no Festival Nacional de Teatro Universitario de Toledo, onde presentou a pasada fin de semana a montaxe ‘Casa de ilusións’, unha peza baseada nos textos orixinais da obra ‘O balcón’, de Jean Genet, adaptada e dirixida por Paloma Lugilde.

A compañía de teatro universitario do campus de Lugo da USC ofreceu en Toledo dúas funcións da peza ‘Casa de ilusións’, unha montaxe estreada no Festival de Teatro Universitario de Lugo e que tamén presentaron estes días na Miteu de Ourense e na Mostra de Teatro Universitario de León.

Logo do éxito colleitados nas últimas edicións do Festival Nacional de Teatro Universitario de Toledo coas obras ‘El Público’ e ‘WK’, a formación dirixida por Paloma Lugilde volveu a sorprender este ano no certame manchego, mo que a compañía luguesa acadou máis dunha ducia de nominacións para finalmente acadar os premios a mellor elenco, así como a mellor actriz principal, que recaeu en Antonella Sturla, e mellor performance ou peza de microteatro.

A renovada compañía de teatro USC-Lugo, unha formación integrada este ano por un elenco de actores noveis Pablo Fernández, Paula Seoane, Ramón Fernández, Antonella Sturla, Alejandra Vargas e Miguel Torres, pechará o vindeiro martes 14 de maio a xira de ‘Casa de ilusións’ en Santiago, no marco do Festival de Teatro Universitario. Ademais do elenco actoral, completan o equipo da formación luguesa Sabela Eiriz, Óscar Lago e Ramón Ferreiro, en calidade de asistentes, e David Asaso e Alfredo Sarille, como técnicos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2019.