Pasar al contenido principal

O profesor Xesús Rodríguez, elixido presidente da Asociación Internacional de Investigación sobre o Libro de Texto e Material Didáctico

Xesús Rodríguez, segundo pola dereita, xunto a integrantes da nova directiva.
Xesús Rodríguez, segundo pola dereita, xunto a integrantes da nova directiva.

O profesor do Departamento de Didáctica e Organización Escolar Xesús Rodríguez acaba de ser elixido presidente da Asociación Internacional de Investigación sobre o Libro de Texto e Material Didáctico (IARTEM) no transcurso do congreso que este colectivo acaba de celebrar en Berlín. Ademais de docente da Facultade de Ciencias da Educación, da que tamén foi vicedecano, Xesús Rodríguez é membro do grupo de investigación Stellae, así como membro do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e director da Revista Galega de Educación. IARTEM é unha das asociacións internacionais máis importantes a nivel internacional no seu ámbito e a ela pertencen investigadores de máis de 50 países do mundo unidos polo interese común de promover a investigación no ámbito dos libros de texto e os materiais didácticos. O docente da USC asumirá durante o seu mandato a organización da próxima conferencia internacional da asociación, previsiblemente en Bogotá en 2016, dada a importante traxectoria histórica deste país no relativo á investigación no campo dos libros de texto e materiais didácticos no contexto latinoamericano. Neste mesmo contexto, a comezos do vindeiro ano tamén está previsto que a USC acolla o sexto seminario sobre avaliación de materiais didácticos. Outro dos cometidos que se formula desenvolver o novo presidente será o de incluír a revista IARTEM E-journal (http://biriwa.com/iartem/ejournal/) na base de datos SCOPUS, ademais de traballar no desenvolvemento das novas versións desta publicación en lingua española e portuguesa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.09.2015.