Pasar al contenido principal

Aberto o prazo de inscrición para ESTALMAT-Galicia 2019

Estudantes coas familias esperando  para entrar  a proba ESTALMAT-Galicia. 02-06-2018
Estudantes coas familias esperando para entrar a proba ESTALMAT-Galicia. 02-06-2018
A proba de selección celébrase o sábado 8 de xuño na Facultade de Matemáticas

O Proxecto ESTALMAT-Galicia para Estímulo do Talento Matemático que dirixe o ex reitor da USC Juan Viaño anuncia a convocatoria 2019 da proba de selección dos 25 estudantes que conformarán a décimo terceira promoción e que está dirixida a rapazas e rapaces nados nos anos 2006 ou 2007. A inscrición, cuxo prazo remata o 31 de maio, pode formalizarse en liña ou por correo ordinario.

A selección faise mediante unha proba común para todos os Proxectos ESTALMAT de España que consta, habitualmente, de 6 problemas con apartados de dificultade crecente. Realízase o mesmo día que en todo o territorio estatal, polo que non é posible adiala a ningunha outra data, mesmo que se aleguen causas xustificadas de ausencia. Este ano será o sábado 8 de xuño, ás 10:00 horas, na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

Dende a primeira convocatoria de ESTALMAT-Galicia, no ano 2007, a media do número de estudantes presentados á proba de selección é de 287 (chegándose a un pico de 358 no ano 2012), con preponderancia dos das provincias máis poboadas (A Coruña e Pontevedra). Nas 12 convocatorias xa celebradas, realizaron a proba de selección un total de 3.485 alumnos e alumnas, dos que 300 seguiron as actividades.

ESTALMAT-Galicia O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia forma parte de ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e co apoio económico da propia Consellería e das Deputacións da Coruña e Lugo, ademais da infraestrutura e apoio xeral aportados pola USC, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas.

O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e as accións de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2019.