Pasar al contenido principal

A mostra ‘A cidade, o Camiño e nós’ explora a percepción da cidadanía sobre Compostela

A exposición pode visitarse no Paseo da Ferradura da Alameda. Foto: Santi Alvite
A exposición pode visitarse no Paseo da Ferradura da Alameda. Foto: Santi Alvite
Pode visitarse no Paseo da Ferradura da Alameda

O paseo da Ferradura acolle dende este venres a exposición ‘A cidade, o Camiño e nós’, organizada conxuntamente pola Rede Galabra da Universidade de Santiago e o Concello compostelán. Trátase da primeira de catro mostras que teñen como obxectivo divulgar os resultados da investigación liderada polo grupo da USC sobre as percepcións da cidadanía de Santiago sobre si mesma e en relación coas persoas visitantes e coa actividade comercial e económica, sobre todo a vinculada ao turismo.

A mostra forma parte dun convenio de colaboración asinado co obxectivo de coñecer as prácticas culturais da propia veciñanza de Compostela, pero tamén dos milleiros de persoas que visitan a cidade. O responsable da rede Galabra, o profesor Elías Torres, explicou no acto inaugural que o obxectivo da investigación é "contribuír a repensar Compostela a partir da propia reinvención da cidade nos últimos anos, fundamentalmente ao redor do Camiño de Santiago e do fenómeno do turismo a el vinculado". “Poñemos así –dixo-, a disposición de toda a veciñanza e das institucións, un estudo que mostra a realidade e que pode axudar a reverter aquilo que o mereza”.

Pola súa banda, o reitor expresou a súa satisfacción por que dende a Universidade se acheguen estudos rigorosos “sobre a cidade e para a cidade que queremos”. López quixo poñer en valor a investigación en ciencias sociais e as humanidades, “como a que hoxe presentamos, e que ofrecen datos moi valiosos para coñecer a nosa realidade e poder reorientar as nosas políticas”. Pola súa banda, o alcalde Martiño Noriega, que tamén salientou a “necesaria” colaboración entre a USC e o Concello, desexoulle “un longo percorrido a este traballo imprescindible”.

Curiosos resultados A investigación realizada pola rede ao longo desta última década arroxa, para a profesora da USC e membro da rede Galabra Marisa del Río, “sorprendentes resultados”. Así, como explicou esta mañá, pese a que á maioría de persoas enquisadas lle gusta máis a Compostela de hoxe que a de hai 20 anos, “aínda hai un 30% que bota de menos a pasada e confesa non sentirse xa cómodo en espazos tan emblemáticos como o Obradoiro ou a Catedral”.

En canto á percepción que temos dos turistas, é positiva en termos xerais, “pero hai barrios como San Pedro, a Choupana ou a zona vella que preferiría outro tipo de visitante”, matizou.

Unha exposición central, tres mostras sectoriais A exposición que hoxe se inaugurou é a mostra central do proxecto, que prevé outras tres sectoriais que circularán polos barrios de Compostela. Nelas amósanse os resultados da investigación que a Rede Galabra realiza dende o ano 2008, implicando a persoas de nove universidades diferentes para analizar as imaxes e as prácticas referenciadas en Santiago, tanto dos propios habitantes da cidade como dos seus visitantes. No referido a visitantes, a investigación centrouse nas persoas procedentes de Portugal e Brasil, por seren os primeiros países europeo e non europeo en número de visitantes.

A exposición mostra a través de 28 paneis a transformación de Santiago dende o inicio dos anos 90, motivada por distintos factores, entre eles a actividade turística vinculada ao Camiño de Santiago, que supuxo cambios nos hábitos de vida, nos usos do espazo público, pero tamén na actividade cultural e social. En concreto, ensina como a propia cidade se ve a si mesma, como nos ven as persoas que nos visitan, e como vemos nós a quen nos visita.

Ao abeiro da colaboración que manteñen o Concello e a Rede Galabra da USC, está previsto que se poñan en marcha outras actividades de divulgación e participación. Así, haberá mesas redondas nas que participarán representantes veciñais, colectivos de comerciantes e partidos políticos

De esquerda a dereita, Elías Torres, Marisa del Río, Martiño Noriega e Antonio López. Foto: Santi Alvite

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.05.2019.